O coche autónomo e galego

MOTOR ON

Descubrimos que cando o coche autónomo se faga realidade no 2020 será tamén grazas ao xenio e o labor de novos enxeñeiros galegos que traballan no centro tecnolóxico de automoción de Galicia do Porriño, en colaboración co grupo PSA e a súa fábrica de Vigo.

12 sep 2017 . Actualizado ás 08:34 h.

Carla Gohin, a directora de Innovación e Enxeñería avanzada do grupo PSA, presentou o pasado mércores, nas instalacións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, a estratexia de innovación do grupo PSA, sobre todo ao redor do vehículo conectado e do autónomo; á vez que técnicos das tres marcas do grupo, Peugeot, Citroën e DS, á que xa se uniu Opel, mostraban os últimos avances en axudas á condución que xa posúen os últimos lanzamentos do grupo.

Neste encontro tamén se puxo en valor a colaboración do grupo PSA e especialmente do polo industrial ibérico conformado polas fábricas de Vigo, Madrid e Mangualde (Portugal), que dirixe Fréderic Puech, tamén presente neste acto, co Centro Tecnolóxico de Automoción en Vigo.

O grupo PSA apostou por España e máis concretamente por Galicia ao crear un ecosistema colaborativo en materia de innovación co CTAG do Porriño, onde traballan máis de 600 cualificados empregados, na súa maioría enxeñeiros moi novos, aínda que sobradamente preparados, que foron os artífices, xunto aos técnicos do grupo francés, de crear os prototipos autónomos que xa rodan por Europa.

O reto do coche autónomo dará xa que logo a Galicia e ao grupo PSA protagonismo cando se cumpran os prazos, cuxo horizonte é o ano 2020, no que poderán rodar xa coches totalmente autónomos, nos que o condutor non interveña, grazas a sistemas como o 5G que permitirá conectarse aos vehículos entre si.

Galicia, protagonista

Tal e como expresaba o propio Frédéric Puech, «España xoga un papel relevante na estratexia de innovación do Grupo PSA grazas ao ecosistema colaborativo de innovación que creamos en Galicia, coa colaboración de CTAG, a Xunta de Galicia, os nosos provedores e outros centros de coñecemento. É un modelo de traballo moi interesante e apreciado, a través do cal participamos activa e complementariamente na estratexia de futuro do Grupo PSA».

Na actualidade, os últimos modelos do grupo xa contan coas tecnoloxías punteiras en axudas á condución, como o DS7 Crossback, agora mesmo a xoia da coroa no grupo, que conta con funcións de condución semiautónoma, capaces de aparcar o coche só ou levalo polo carril actuando sobre a dirección, a máis diso manter distancia e velocidade sobre o resto de vehículos sen accionar os seus pedais. PSA quere estar na cabeza da revolución autónoma.