Si, os Reis comen pan, e se amasa en Rodeiro

SABE BEN

A panadería Jesús de Rodeiro coce pezas artesás e empanadas que son bocado de reis. Non é unha metáfora. O obrador leva 14 anos facendo envíos semanais á Casa Real. O seu segredo? As fariñas de calidade, o forno de leña e o traballo paciente

04 mares 2018 . Actualizado ás 11:34 h.

A panadería Jesús de Rodeiro non é unha panadería calquera. Non ten outro forno que non sexa o de leña nin outra fariña que non sexa de lei. Por iso é habitual atoparse ao mostrador a clientes de fóra. Un pan que se mantén fresco unha semana ben merece unha parada cando se pasa preto.

Ás veces na panadería se apilan caixas cunha etiqueta que di: «Palacio da Zarzuela». Ao cliente pícalle a curiosidade e fai o chiste pertinente. Comen os reis Felipe e Letizia pan de Rodeiro? Pois si. En Madrid haberá panaderías dabondo, pero vese que non hai pan artesán como o que cocen Ana María Ledo e a súa tropa panadeira.

Segundo asegura, o seu pan non ten ningún segredo. «Non leva máis que fariña de trigo do país, auga, sal e masa nai», conta. A receita universal. O que pasa é que este ademais ten boa materia prima e prepárase coa paciencia doutros tempos. Nada de fornos eléctricos nin de mañas para acelerar o proceso. «Este é pan artesán de verdade. Non é unha cousa que se faga correndo. Fabricalo leva sete horas desde que se empeza a amasar», explica Ana María. «As fariñas de calidade e o forno de leña, que xa non se usa case en ningún sitio, son fundamentais», confesa a panadeira.

Será por iso que o pan da panadería Jesús colleu tal fama que un bo día acabou na mesa do Palacio da Zarzuela. E non pasou desapercibido. A Casa Real pediu indicacións sobre a procedencia.

Fai daquilo 14 anos. Desde entón, non hai semana que o obrador non faga un envío a palacio. Normalmente, ao Palacio da Zarzuela, pero ás veces ao de Marivent, nas tempadas nas que a familia real se traslada á súa residencia de Mallorca.

Cada martes sae por Seur o pedido desde Rodeiro. O habitual adoitan ser entre 5 e 7 pezas artesás de pan de quilo e medio. Pero moitas veces tamén se piden empanadas de touciño entrefebrado con chourizo e, de cando en vez, algún roscón ou torta de améndoa.

Chegados a este punto uno pregúntase se aos reis non lles sería máis doado atopar algún sucedáneo na capital en lugar para comer o pan reseso. Craso erro. Quen pense tal cousa é que non probou o pan auténtico. «Este pan non é como os industriais. Envolvido nun pano consérvase fresco unha semana», asegura Ana.

Só queda por saber a orixe deste pan lendario. A panadería abriuna fai case medio século o pai de Ana María, Manuel Ledo, cansado de traballar como comercial en Venezuela e na súa terra. Non tiña nin idea de panadería, pero si boa man para rodearse ben. A súa panadería foi bautizada popularmente como «a de Chacallas» e nela empezaron a traballar a súa muller, Eva García, e Carmen «Lillera», unha veciña oriúnda de Cea que tiña un rudimentario negocio de venda de pan artesán ao estilo do do seu pobo. Cocía pezas contadas no forno da súa casa e repartíaas a domicilio a lombos dunha egua. Cando Ana María e o seu marido Jesús -o que dá nome á panadería- colleron a substitución el apostou pola tradición e empezou a fabricar pezas artesás como as que Carmen cocía en casa a pequena escala. Deu no cravo. Tanto que o seu pan chegou a ser bocado de reis.