Sabores amazónicos con calidade galega

SABE BEN

MARCOS MÍGUEZ

Apenas tres meses abondáronlle ao restaurante Samaná para converterse nunha referencia gastronómica na Coruña e a súa área de influencia.

13 novs 2018 . Actualizado ás 18:30 h.

O seu prato

Robaliza ás costas sobre cama de patacas e vexetais 

Aínda que a espectacular grella central é o elemento vertebrador da carta do Samaná, a robaliza é, talvez, a súa elaboración estelar. Prepárase ao sal, en bandexa aberta, a mesma que se utiliza para desespinar e manter a calor. A presentación é sinxela, pero acompáñase dunha salsa vexetal que potencia o sabor.

Unha gran aposta

Detrás desta iniciativa hai un grupo de socios con longa experiencia, que levaban anos queixándose de que a cidade, incluso Galicia, non tiña unha carta ao seu gusto, onde a calidade autóctona compartise protagonismo cos sabores máis exóticos dos que gozaban nas súas habituais viaxes, de negocios ou de pracer. Das queixas compartidas xurdiu un proxecto gastronómico que fraguou nun local situado no corazón da cidade, no centro do triángulo entre as prazas de Galicia, de Lugo e de Pontevedra, que destaca pola calidez do local, con abundante vexetación, excelente iluminación e comodidade do mobiliario, e unha oferta de sabores capaz de sorprender aos máis esixentes.

A aposta ten dúas liñas de traballo. A principal é a grella, situada no corazón do local, á vista dos comensais. Tras algúns desaxustes coa temperatura, converteuse nunha peza crave para atender á clientela. Moi recomendable a picaña. Tamén a robaliza, sempre feita ao sal, que pasa por ser o prato estelar do momento. O outro eixo de traballo son as elaboracións exóticas. Imprescindible o ceviche peruano de gambón, presentado sobre unha rodaja de lima, así como o tartar de atún sobre tostas de Carasatu. Para quen deixan un oco para a sobremesa merece a pena probar o coulant de chocolate con xeado de frambuesa. E, para rematar, unha ampla carta de cócteles na que caben opcións para todos os gustos e que fai que a experiencia sexa, como mínimo, recomendable. A proba é que quen se achegan ata aquí, repiten.

ONDE ESTÁN

Rosalía de Castro, 9. A Coruña

HORARIO

Abre todos os días de 10.30 a 2.00. Imprescindible chamar para reservar. Teléfono: 981 707 172

 

PREZO

A partir de 30 euros, adega á parte