«Viradeira»: ¡Esta serie está para comerlla!

SABE BEN

Mila Méndez / Senén Rouco

O mesón de Carmela abre hoxe as súas portas na TVG (22.00). Será o centro de gravidade sobre o que se sostén a vida en «Viradeira», a nova ficción de Voz Audiovisual que promete grandes doses de humor con dentadas de gastronomía.

05 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O ecosistema mariño alaga Dorneda. O bar e mesón de Carmela son o eixo ao redor do que vira a trama da serie producida por Voz Audiovisual que hoxe se estrea na TVG. En Viradeira  os produtos do litoral e do horto galegos son un personaxe máis da comedia. Ademais do aventureiro que desembarca neste tranquilo porto de mar para romper a súa rutina, non faltan a cociñeira afanada en manter en pé o negocio, o axudante que lle insiste en probar novas fórmulas, o camareiro «badanas», o alcalde que se apunta á procura do tesouro e a empresaria cacique que quere morder o pastel. Aproveitamos un descanso na gravación para reunir a cinco dos actores. Un ribeiro, queixo do país e chourizo amenizan a charla sobre ficción e gastronomía.

A cociña como protagonista

Sen bares, e sen comida, en Galicia parece que non hai paraíso. «A relación entre Héctor e Carmela (Sabela Arán) comeza de feito na cociña. O calor é o que ten», chancea Adrián Castiñeiras, o actor que dá vida ao «científico» da historia. «É coma un refuxio. Estás ao quente, falas cos veciños, botas unha partida. Co cambio climático, igual cambia a cousa», desliza a actriz Fina Calleja. Ela é a todopoderosa empresaria de Dorneda. Marcos Pereiro interpreta ao alcalde, Roxelio: «algún mitin tamén facemos no mesón, mesmo pensamos en pór aquí unha oficina».

Fina Calleja admite que nunca foi de bo comer de nena. «Odiaba todo o que tiña que ver coa comida. Iso si, cando preparaban leite frito era feliz». E hoxe? Conquístana polo estómago? «Non son unha persoa á que convidarías a comer... ¡refírome ao meu personaxe, ¡claro!», exclama. Sentado ao seu lado, Adrián sorrí. A el pásalle xusto o contrario. «Cun peixe ao forno, cebola e aceite non preciso nada máis».

Innovación ou tradición?

O dilema asalta a mesa. «Eu son tradicional», adiántase Andrés Giráldez, o camareiro do mesón que dará a carraca coa súa particular visión da vida. Como bo redondelán, saca peito dos cefalópodos da súa ría de Vigo aínda que «o meu prato favorito é o fígado encebolado». Gústalle o do bar da estación de Redondela , «case, case coma o de miña nai».

O debate tamén está servido na trama. Toño (Nacho Castaño), o axudante de Carmela, empéñase en introducir cambios: «Teño que darlle unha oportunidade a outro tipo de cociñas», admite o actor. Os seus gustos son o oposto ao que o seu personaxe predica. Cunha infancia marcada polos cheiros que desprendían as receitas preparadas con todo o amor que pode emanar dunha muller que criou a 12 fillos, os que tivo a súa avoa Rosa, superar os sabores clásicos non é doado. «O primeiro que facía cando chegaba da escola era ulir o cheiro que saía da regaña da porta da cociña», lembra Nacho. A matriarca da súa nenez traballou, do mesmo xeito que o seu personaxe, nunha cociña, a de Casa Castaño, en Cesures. «A xente viña ex profeso a probar a súa empanada de lamprea».

O mellor secreto é o que ten gardado Marcos Pereiro. Unha das súas paixóns é a viticultura e o ribeira sacra é un dos seus viños de referencia, pero, sobre todo, é deses aos que non lles importa suar a camiseta co delantal. «Nunha escena tiña que falar de ‘wasabi’ -interrumpe Nacho Castaño-. Non tiña nin idea do que era. Marcos deuse de conta e veu a explicarmo». O aludido xustifícase: «Gústame a cociña moderna, ¡isto do nitróxeno é algo marabilloso! (bromea con sus compañeros de reparto antes de ponerse serio, con la comida no se juega). Os grandes cociñeiros do noso país renovan pero tendo como referencia os bos produtos que hai en Galicia». Se ten que elixir, queda co peixe, «do máis caro ao máis barato, son tan bos que os preparas sen apenas facer nada», seguido do marisco e da carne («reivindico a nosa carne de tenreira»). A diferenza do resto dos actores, Marcos naceu en Alemaña e alí o máis típico que había era o chucrut: «Unha vez saiume disparado ao teito e non houbo quen o quitase dalí en tres semanas», ri ao evocar aqueles anos. Outro clásico teutón son as salchichas. «Hai un alemán en Sanxenxo que as prepara con carne daquí. Podédelas buscar por Internet. Non son nin medio normais. Son as que merco sempre. ¡Iso si que é transportarme á infancia!», recomienda al equipo. Fina recoge el testigo: «pois eu son de Xinzo, ¡así que teño que falar da pataca de Xinzo!». Adrián garda o as na manga: «vivo cerca da praza de Lugo, na Coruña, alí temos de todo».

O protagonista da comedia recibirá algunha que outra clase maxistral por parte da dona do mesón, Carmela. Do mesmo xeito que o arqueólogo mariño do seu papel, Castiñeiras confesa que é máis para comer que de cociñar: «encántame probar os restaurantes que se poñen de moda». Pero advirte que xa levou algún que outro chasco: «Hai unha burbulla nisto da cociña que me fixo dar unha viraxe ao tradicional. Intento acadar un equilibrio». Fina tamén quere opinar respecto diso: «A eiva da cociña tradicional foi que como o produto galego era tan extraordinario non había ningún proceso sobre el. O que están a facer os grandísimos cociñeiros que temos é aportar sen perder, sublimar».

Come e repite: a vida é dura

ANGEL MANSO

Da cociña de Carmela, ademais de aventuras aderezadas con humor e o seu correspondente chisco romántico, sairá en cada capítulo un prato típico, «de verdade, con produtos frescos e comestibles», recetado polos integrantes do Grupo Nove. O primeiro da carta é un arroz mariñeiro. «Os cociñeiros de Nove tamén nos acompañaron nalgunha gravación. Abrir un peixe non é tan sinxelo como parece», destaca Adrián. Marcos Pereiro, que se atreve na entrevista a cortar o chourizo cos ollos pechados, asente. «O malo -lamenta o humorista- é que temos prohibido comer o atrezo». Pola súa banda, Fina destaca o traballo non só dos asesores culinarios, senón tamén do equipo de arte: «Cada pincho está mimado ata o último detalle». A Marcos, isto segue sen convencelo do todo: «Bótanlle laca por riba para que estea perfecto ata que rematamos. Claro, así nunca podemos meterlle unha chantada», chancea.

Cando a rodaxe comeza ás oito da mañá e hai que repetir moitas tomas, a Adrián non lle fai tanta graza. «Nun capítulo celébrase un concurso de tortillas. Nas últimas escenas estou tan cheo que apenas podo probala e, claro, cortan para dicirme que coma de verdade». A vida de actor non é tan idílica como parece, aínda que estean rodeados de manxares. «En realidade -reflexiona no alto Marcos Pereiro- estou engordando». Onde si dan gato por lebre é na bebida. «¡Este é o primeiro ribeiro que probamos no set!», coinciden os cinco ao brinde. Marcos, explícao: «O viño é auga con colorante amarelo, vermello no caso do whisky. As cervexas non sabemos o que levan dentro. O único de verdade é o mosto». Desde o outro extremo da mesa corríxeno: «E as cañas, só que son sen alcohol». Sempre hai oco para a sorpresa no mundo do espectáculo: «¡Pois esas non as probei eu!». Como «bo alcalde dos seus veciños», o seu personaxe, Roxelio, promete que tratará de manter satisfeitos, polo menos, os estómagos dos seus concidadáns. «Organizarei algunha festa gastronómica, ¡qué clase de vila galega sería esta se non!».