Valdeorras, pouca uva, pero moi boa

SABE BEN

LOLITA VÁZQUEZ

Valdeorras cultivou 4,1 millóns de quilos na vendima deste ano. Llas adegas estudan como afrontar a diminución de produción e non perder así os mercados que xa teñen abertos.

29 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Empezou antes do habitual e fíxose longa no tempo. A vendima deste ano na denominación de orixe Valdeorras foi temperá e non rematou ata ben entrado outubro. No medio, as adegas deron conta da recollida de 4,1 millóns de quilos de uva. Por variedades, o godello volveu situarse de novo como a uva máis importante no seo da denominación, que ten os brancos como os seus viños estrela. Neste caso, recolléronse 1,98 millóns de quilos. A segunda posición foi para a mencía, a uva tinta que supón o outro gran estandarte do selo de calidade; con 1,33 millóns de quilos. As cifras evidencian que sin duda esas son as dúas variedades fundamentais á hora de recoñecer Valdeorras, aínda que hai varias máis que entraron en adega. Así, recolléronse 456.031 quilos de alicante, 345.281 de jerez, 19.302 de tempranillo, 17.767 de sousón, 8.976 de albarello, 4.664 de merenzao e 4.341 de dona branca.

Das 43 adegas amparadas baixo o selo de calidade de Valdeorras, recolleron uva un total de 42. Fixérono en 9.852 parcelas distribuídas nunha superficie total de 1.184 hectáreas.

Estudando o mercado

A diminución na produción é un problema que preocupa nas adegas, en especial ao constatarse a caída de case o 19 % na recolección de godello respecto ao ano pasado. As empresas embotelladoras traballan agora en deseñar a forma de abastecer a todos os seus distribuidores; aínda que recoñecen que coa próxima colleita será difícil seguir crecendo. É un pau importante porque chega xusto nun momento no que o godello goza cada vez de maior aceptación entre os consumidores de viño.

O que si se agarda é que sexan viños dunha excelente calidade. Axuda a iso o feito de que as uvas estaban moi sas no momento da recollida. A ausencia de choivas provocou que os froitos cultivados fosen máis pequenos (xa que as cepas acabaron por acusar o estrés hídrico e non acabaron de engordar), pero evitaron a entrada de enfermidades que veñen asociadas precisamente á auga como é o mildiu. Así que agora, co viño fermentando, toca agardar para ver como van saír# adiante os viños.

Os máis madrugadores serán, un ano máis, os espumosos, que as adegas elaboradoras sacan ao longo do mes que empeza nuns días para abastecer o mercado durante as datas do Nadal, ao ser a etapa de maior consumo deste tipo de bebidas en todo o ano.