Unha cociña que é o espello da alma

SABE BEN

MARTINA MISER

Que a cociña é un espello da personalidade do seu creador é unha certeza que un leva para sempre tras gozar dunha visita a Casa Castor.

13 novs 2018 . Actualizado ás 18:32 h.

O creador é Arturo Fontán, un tipo de vetusta elegancia, que agora exerce de inconmensurable anfitrión no que el chama con cariño, o seu «retiro dourado». E si, a súa cociña é como el. Xenerosa, honesta, agradecida, apegada á súa terra e por momentos faiscante. Como ese brillo que aflora nos seus ollos cando che recibe. En pleno corazón da ruta dos furanchos Casa Castor é unha homenaxe á cociña tradicional galega desde outra dimensión. «Aquí prima o produto sobre a elaboración. Eu só lle poño unha pequena dose de cariño e respecto, nada máis», comenta Arturo. E nada menos, habería que engadir. Un respecto á tempada, ás vedas e aos produtores que se constata nunha carta sinxela pero enche que nestes días ten os seus mellores expoñentes nos choquitos e nas luriñas da Ría ou nas xoubas do xeito. Arturo Fontán considera que «a metade do traballo de cociña faise cando se vai comprar». El acode todos os días, excepto os luns, á lonxa e ao mercado de Cambados. «E alí pregunto. Pregunto moito». Cun par de carniceiros de confianza e unha adega que lle serve un excepcional albariño das ladeiras da Carabuxeira compón o resto. Máis que suficiente para satisfacer con fartura o seu obxectivo confeso. «Facer feliz aos amigos que vén verme».