Galegos no Brasil que non sae nas postais: entre as olimpíadas e o zika

Marcos Fidalgo

EXTRA VOZ

Unha ourensá que realiza traballos sociais e dous cuñados de Santa Comba que administran un hotel contan como viven na cidade que recibirá as olimpíadas de 2016

29 feb 2016 . Actualizado ás 13:14 h.

Ingrid Ferreiro Morgade só oíra falar das cousas boas do Rio de Janeiro: as praias, o Cristo, o Pan de Azucre. Pero cando foi a cursar un máster de Turismo na cidade, no 2011, decatouse de que había un Río descoñecido e desigual que non aparecía nas postais, un Río que ao final lle regalaría a maior experiencia da súa vida. 

Para adaptarse máis rápido ás contradicións da metrópoli, decidiu introducirse nos recunchos escondidos por detrás dos lugares comúns. A súa primeira experiencia foi alfabetizando a nenos pobres en escolas públicas da rexión metropolitana. «Mesmo sabendo que non ía ser fácil por causa do acento e non da lingua, decidín que quería intentalo. Foron seis meses de moito traballo e paciencia, pero pagaron a pena. De vinte e oito rapaces, só catro non conseguiron escribir e ler no fin do semestre. Supuxo unha loita contra o sistema, contra meus propios medos», di.

Ingrid tivo que deixar o proxecto de alfabetización cando empezou a traballar corenta e catro horas semanais nunha operadora de turismo, pero seguiu dedicándose aos traballos voluntarios nas súas horas libres. Deu clases comunitarias de español nun curso preparatorio para o exame de ingreso á universidade, ademais de actuar nunha comunidade pobre onde os nenos necesitaban de clases de reforzo. «Tamén conseguimos que tivesen leccións de música e aprendesen a tocar instrumentos de percusión, pois á escola pública, infelizmente, ainda lle queda moito que mellorar».

A ourensá afirma que a súa achega social non só ten un fin educativo, senón tamén reivindicativo. «Quero continuar contribuindo para a construcción de un mundo mellor, con menos desigualdade e máis igualdade de oportunidades». 

Ingrid vive no Río Cumprido, na rexión central da cidade. «É un barrio popular, estratéxicamente localizado, con moitas opcións de transportes e onde a inflación non chegou tan forte como en outras rexións máis turísticas ou nobres». 

Unha noite, tras regresar dunha velada no barrio nocturno da Lapa, viu a policías na porta da casa que compartía cuns amigos. Soubo, entón, que uns atracadores entraran na vivenda, tomaran aos seus amigos como reféns, amarrándoos, para roubarlle todo. «Quería quedarme na casa aquela noite, pero o destino fíxome saír». Entre todas as realidades de Río, ao único que Ingrid non logrou acostumarse de todo é á banalidade da violencia. «A verdade é que prefiro non pensar moito».

Aínda que se mantivo en niveis elevados, a violencia do Rio de Janeiro acadou o índice máis baixo dos últimos vinte e cinco anos no 2015. Segundo o Instituto de Segurança Pública, houbo 18,6 homicidios para cada cen mil habitantes. Como segue por amais dos 10 asasinatos por 100 mil moradores, o índice aínda é considerado epidémico, conforme os criterios adoptados pola OMS. 

Con todo, o mellor contrapunto á violencia de Río segue sendo o propio Río, co seu esplendor xeográfico e os seus múltiples e variadas opcións de lecer. «Esta cidade é incrible para o lecer -observa Ingrid- gústame moito percorrer os carreiros, ir á praia, camiñar pola Lagoa, o Jardim Botánico, fuxir para a Floresta da Tijuca e bañarme nas múltiples fervenzas; sair nun desfile de Carnaval, ir a unha peza de teatro, a un show no Circo Voador...».

Hostaleiros, cuñados e galegos

Fabio Silva e Juan Carlos coñecéronse en Santa Comba, provincia da Coruña. «Coñecíno cando aínda era noivo de miña irmá», conta Fabio, que aos 10 anos deixou o Rio de Janeiro para ir vivir en Galicia. 

Dezanove anos despois, no 2013, a falta de emprego en España fíxolle volver a Río, acompañado de Juan Carlos. Os cuñados cruzaron o charco para administrar o Hotel Galicia, un dos tres establecementos administrados pola familia na cidade. Situada na rexión central, no número 6 da rúa Carlos de Carvalho, a propiedade foi adquirida o 2011, cando aínda tiña outro nome e funcionaba como motel, un tipo de aloxamento que no Brasil é destino exclusivo das parellas. Con todo, a demanda agardada para o Mundial, a visita do Papa e a olimpíada levaron a familia a convertelo nun hotel con todas as comunidades: wifi gratis, room service 24 horas, servizo de espertar e almorzo incluído. 

A homenaxe a Galicia no hotel non se limita ao nome. «Tamén temos cadros de toda Galicia: de la catedral de Santiago, aa praia das Catedrais, a Torre de Hércules, a muralla de Lugo, Cambados e Os Ancares», conta Fabio. Para o futuro, a intención dos cuñados é que cada piso do hotel retrate unha provincia galega, a través de cadros e informacións. «A idea é que todos os que se aloxen no noso hotel acaben coñecendo e interesándose por visitar Galicia», di o xerente.

Cando non está no hotel, Fabio aproveita para ir á praia, andar en bicicleta e saír cos amigos. «En comparación coa vida que tiña en Galicia é moi distinto. Río é unha gran cidade, para o bo e para o malo», aclara. Juan Carlos, en cambio, prefire ir ao cine e saír a cear coa familia. «Vívese ben aquí. A comida e o clima son moi bos, ademais da xente».