Quen manda en Serramoura? 

María Dolores López

EXTRA VOZ

voz audiovisual

Co outono volve a TVG o maior éxito da ficción autonómica recente. «Serramoura» (TVG, 22.30 horas) acaba de estrear segunda tempada. Aumenta a tormenta nos bosques da vila madeireira

11 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta noite (22.30 horas), TVG estrea capítulo de Serramoura . Xusto antes, a segunda entrega do programa Crónicas de Serramoura (22.00 horas). A segunda tempada arrincou a pasada fin de semana e os incondicionais do thriller de moda en Galicia xa non saben nin que pensar. Ata 1982 trasladáronnos os guionistas, para explicarnos quen acabou coa vida de Carme Varela, nai de Marga Neira, a sarxento da Garda Civil que saltou á fama o ano pasado, pola resolución do asasinato de Mónica Triáns. Aquela investigación levou ata Serramoura ao tamén sarxento Diego Bazán. Un ano despois, unha das parellas de investigadores máis atractivas da televisión déixase a pel no que posiblemente sexa o caso máis complicado da súa carreira profesional. Mentres tanto, os habitantes de Serramoura prometen seguir conformando ao seu redor o mesmo escenario de misterio que enganchou á audiencia que lle valeu á ficción o premio á Mellor Serie, en ultímaa edición dos Mestre Mateo. Serramoura conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior. Unha localidade que vive da explotación dos seus recursos madeireiros e na que dúas familias, os Soutelo e os Fiuza, loitan polo control do negocio da madeira. Un escenario recoñecible que se viu bruscamente alterado ao aparecer morta, brutalmente asasinada, unha das súas veciñas. Así empezaba Serramoura. Pero o asasinato de Mónica Triáns non foi máis que o primeiro dunha longa lista de crimes por resolver que, aos poucos, están a sacar á luz os segredos, miserias e conflitos desta pequena vila galega, tan recoñecible como inquietante. Agora en Serramoura non está tan claro quen manda. Sentáronse á mesa máis xogadores e no negocio da madeira aínda queda moito que contar.