Ataque ao berce da civilización

EXTRA VOZ

Eloy taboada

O espolio de xacementos e a destrución de monumentos por parte do Estado Islámico están borrando as pistas para reconstruír a historia. Siria é un dos países máis afectados.

14 sep 2015 . Actualizado ás 02:19 h.

A antiga Mesopotamia, o territorio que agora ocupan Siria e Iraq, é o paraíso dos arqueólogos. Ata o 2011, cando estalou a revolta popular contra a ditadura da familia Al Asad, traballaban en Siria uns 200 equipos de todo o mundo. O de Juan Luis Montero Fenollós, profesor de Historia Antiga da Universidade da Coruña (UDC), era un deles. Traballaba na provincia de Der ez-Zor e agora continúa facéndoo desde Galicia no Proxecto Arqueolóxico Medio Eufrates Sirio (PAMES). Coa información que lle achegan os seus contactos na zona, describe con dor as consecuencias dos continuos ataques ao berce da civilización. Contabilizar todo o que se perdeu ata agora non é doado pola «inabarcable riqueza arqueolóxica que hai na zona» e porque a información que chega é «a que dá o EI e a que recompilan quen aínda permanecen na zona». 

O seu equipo, igual que o resto dos que escavaban en terras da antiga Mesopotamia, tivo que abandonar o país no 2011. A partir de entón o encargado de protexer o vasto patrimonio é o Ministerio de Cultura por medio da Dirección Xeral de Antigüidades e Museos. Só eles falan duns 758 xacementos afectados o espolio ou a destrución. Esa cantidade inclúe centros museísticos, mesquitas...

Desde o seu despacho da UDC, en Ferrol, este arqueólogo mostra unhas fotos do Templo de Baal, en Palmira. Só uns días antes o aparello propagandístico que emprega o EI para lanzar unha desgarradora guerra mediática publicaba a noticia da destrución do principal templo desa cidade romana cuxo auxe se mantivo durante os séculos II e III d. C. «Pretenden provocar a Occidente e cernar a cultura e identidade do pobo sirio», explica agora este experto. A destrución da cidade onde reinou Zenobia é un capítulo máis na longa historia de devastación das terras que percorren os ríos Tigris ou Éufrates, onde está a orixe da nosa civilización. Os restos de cidades como Ebla, Apamea, Mari ou Babilonia foron obxecto do espolio do patrimonio para a venda no mercado negro.

Un espolio que acabou con cidades crave como Mari e Ebla 

As perdas son incalculables. Para os arqueólogos uno dos grandes atentados que sufriu o berce da civilización occidental é o espolio da cidade mesopotámica de Mari, onde Montero Fenollós realizou os seus primeiros traballos sobre o terreo a finais dos anos noventa. Fundada no 2.900 a. C. empezouna a escavar en 1933 un equipo de arqueólogos franceses. Foron eles os que descubriron que estaba deseñada en forma circular, tiña uns dous quilómetros de diámetro e controlaba todo o tráfico fluvial na zona. 

Unha das grandes achegas dese pobo á cultura occidental foi a invención do concepto de cidade. Babilonia, situada dentro das fronteiras da actual Iraq, é a gran urbe do mundo antigo. Pero ademais foron autores dos primeiros textos escritos descubertos na zona e datados en torno ao 3.300 a. C.

A cidade de Ebla, ao sur de Alepo, é outro xacemento que quedou totalmente arrasado polo ataque dos expoliadores. Neste caso, ao contrario de Mari, tomada polo EI, descoñécese a identidade dos saqueadores, pero non foron os homes do Estado Islámico. Escavada por arqueólogos de Italia, a urbe data do 2.400 a. C. 

Outros exemplos de monumentos de diferentes épocas destruídos ou afcetados son a Gran Mesquita de Alepo (datada no VIII d. C.), o teatro romano de Bosra (II. d. C.); Crac dos Cabaleiros (castelo dos cruzados); a igrexa de San Elián (V d. C.); os 17 muíños de  as noras de Hama... 

Xa en territorio iraquí hai que lamentar a destrución de Nínive, preto de Mosul, ou Kalhu, cuxo nome árabe é Nimrud. Foron capitais do imperio asirio. A primeira albergou a biblioteca máis antiga da historia, creada polo rei Asurbanipal no século VII a. C., quen fixo recompiar toda a literatura mesopotámica desde o poema de Gilgamesh ata a súa época. Babilonia, situada xunto ao Eufrates tampouco se salvou do espolio. «É a gran urbe emblemática de Mesopotamia e a súa destrución provocouna ?di este arqueólogo da UDC? o levantamento dun cuartel internacional durante a II Guerra do Golfo entre o 2003 e o 2004. Ocupou 150 hectáreas, onde vivían uns 2.000 soldados».