Galicia acollerá a vinte menores de Ceuta, pero Feijoo cuestiona a repartición e a xestión da crise

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

ESPAÑA

Sandra Alonso

Aínda que mantén que se trata dunha cuestión «humanitaria», discrepa co Goberno de España desde a «unidade»

20 may 2021 . Actualizado ás 17:14 h.

Galicia vai acoller a vinte menores non acompañados que xa estaban no centro de acollida de Ceuta antes de que saltase a crise fronteiriza este luns. É o número asignado polo Goberno de España, que a Xunta acepta porque se trata dunha cuestión «humanitaria», dixo o presidente galego, quen lembrou que «somos un pobo solidario que tivo que emigrar, e falamos de menores. Por razóns de xustiza social estamos a favor de acollelos».

A aceptación non está exenta de crítica ao Executivo de Sánchez, xa que Alberto Núñez Feijoo non se mostrou moi satisfeito coa repartición realizada por comunidades, xa que Galicia recibirá ao mesmo número de menores que Madrid, cando triplica a súa poboación. «Unha cousa é discrepar e outra a unidade», afirmou o dirixente galego, que aproveitou a conxuntura para cuestionar a xestión española da crise e os «efectos chamada» dos últimos anos, que atribuíu ao actual Goberno. Ao seu xuízo, esas situacións «e unha política de inmigración con moitos interrogantes» é o que está xerando a chegada de menores africanos a territorio español.