Sánchez desmárcase dos seus socios de Goberno: «O que se xulgan son persoas, non institucións»

J. V. L.

ESPAÑA

Atlas TV

O presidente do Goberno ve «adecuada» a resposta da Casa Real coa saída do rei emérito

04 ago 2020 . Actualizado ás 19:51 h.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, manifesta o seu «absoluto respecto das decisións que tomou a Casa Real», por canto hai detrás no sentido de «distanciarse de supostas condutas reprobables por parte dun membro da Casa Real» e que poden ser obxecto de investigación xudicial. Na súa comparecencia ao termo do Consello de Ministros, quixo marcar distancia coas críticas dos seus socios de Unidas Podemos cara á monarquía cunha defensa pechada da actuación de Felipe VI e unha posta en contexto do que significa a marcha do rei Juan Carlos para a institución. Destacou que en España «houbo casos de corrupción supostamente ligados a partidos políticos e a axentes sociais e non se cuestionou o sistema de partidos políticos nin tampouco aos axentes sociais». Circunscribe, xa que logo, o sucedido á figura do rei emérito e apártao do que significa a Xefatura do Estado. «O que se xulgan son persoas, non institucións», sentencia o presidente, quen pon o acento en que «don Juan Carlos está a disposición da Xustiza como calquera outro español».

«España necesita de estabilidade e de institucións robustas»

Ao seu xuízo, «a resposta é a que corresponde a unha democracia vigorosa», porque «os medios de comunicación non miraron para outro lado», e puxeron estas irregularidades en coñecemento da opinión pública; «os xuíces e os fiscais están a actuar e a Casa Real marcou distancias». Ademais, recalca que España, e máis nestes momentos de pandemia, «necesita de estabilidade e de institucións robustas, que teñen que abonarse con transparencia e con rexeneración», co que insiste en que «a liña marcada pola Casa Real é a adecuada». «O Goberno que eu presido considera plenamente vixente o pacto constitucional», destacou Sánchez, que negou ter información sobre o lugar ao que se trasladou Don Juan Carlos despois de abandonar España.

Sánchez sinalou que os asuntos que despacha co xefe do Estado son «discretos e confidenciais e, en consecuencia, nese ámbito quedan». Así xustificou que non informase os seus socios das conversacións mantidas con Felipe VI e este desenlace na situación do rei emérito, na que considera que actual monarca actuou cunha «ejemplaridad e transparencia que poden aprobar unha ampla maioría de cidadáns, con independencia de que voten o que voten».

«A clave de bóveda do pacto é a monarquía constitucional»

Despois de negarse repetidamente a desvelar tanto a localización de Don Juan Carlos, porque asegurou descoñecela, como a posibilidade de que se lle retire o título de rei emérito, incidiu en que a convivencia no seo do Goberno, no que unha parte avoga por abrir o debate da república, non está en dúbida. Se guía pola folla de ruta do acordo de Goberno e dá cabida a sensibilidades distintas, empezando pola do Partido Socialista, que é o único que queda vivo do pacto constitucional. «Nós si somos os arquitectos da Constitución» reivindicou o presidente para quen «a clave de bóveda» daquel acordo é «a monarquía constitucional».

Sánchez, que non se referiu en ningún momento na súa alocución inicial ao que era o tema do día, tamén deu a calada por resposta aos xornalistas na maioría das cuestións. Aproveitou as preguntas relativas á reunión con Cidadáns e a relación con Podemos para esquivar os elementos centrais relativos á marcha do ex xefe do Estado, ou a «fuxida» como a cualificaron os seus socios, empezando pola ministra de Igualdade, Irene Montero, quen asegurou que os acordos aos que chegasen coa Xefatura do Estado son do PSOE e non do Goberno. quedou con que a información relativa ao paradoiro do rei emérito debe desvelala a Casa Real se así o considera -antes asegurara que a descoñecía- e tampouco aclarou se a súa seguridade ou algún dos gastos nos que poida estar a incorrer corren a cargo do Estado. Limitouse a asegurar que os orzamentos son públicos e volveu incidir na confidencialidade das súas conversacións con Felipe VI .