ERC non ten présa para investir a Sánchez este mes e prefire un «bo acordo» a un acordo «rápido»

La Voz REDACCIÓN

ESPAÑA

Ricardo Rubio | Europa Press

«A nós o tempo non nos preocupa, senón os contidos», manifestou Aragonés

02 dic 2019 . Actualizado ás 14:04 h.

O vicepresidente do Goberno catalán e coordinador nacional de Esquerra Republicana (ERC), Pere Aragonès, asegurou este luns que o seu partido non ten présa en investir presidente ao socialista Pedro Sánchez antes de Nadal e defendeu que é preferible un «bo acordo» a un acordo «rápido».

«A nós o tempo non nos preocupa, senón os contidos», manifestou Aragonés en declaracións aos xornalistas na coñecida como Porta dos Leóns, onde estivo acompañado polos 26 deputados e senadores de ERC elixidos nos comicios xerais do pasado 10 de novembro, informa Europa Press.

As súas declaracións contrastan coa opinión do PNV, outro dos posibles socios do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos, que vén avogando por unha sesión de investidura antes de Nadal.

E en aras de acadar un acordo co PSOE, Aragonès subliñou que o equipo negociador de ERC vai traballar «nas próximas semanas» con «firmeza», con «vontade de entendemento» e coa idea de abrir unha mesa de negociación política entre os gobernos central e catalán para resolver un conflito «político».