Galiza pola República pide a amnistía para os presos cataláns e di que foron xulgados «sen as garantías esixibles»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña REDACCIÓN / LA VOZ

ESPAÑA

ANGEL MANSO

A plataforma está integrada, entre outras entidades, polos partidos políticos Anova, En Marea, BNG, Marea Atlántica, Podemos e EU

26 novs 2019 . Actualizado ás 16:22 h.

A plataforma cívica Galiza pola República, fundada o pasado mes de xullo na Coruña para reivindicar o «dereito a decidir», considera «inxusta e desproporcionada» a sentenza do Tribunal Supremo que condena aos líderes cataláns pore sedición e/ou malversación e cre que «a vía penal non é o camiño para resolver unha cuestión de carácter político». Por iso, a plataforma creada con motivo do cumprimento dos 50 anos da monarquía española e en defensa da república, pide a liberdade «inmediata» dos presos cataláns, que considera presos políticos, e subliña que, ao seu entender, o xuízo no que foron condenados «desenvolveuse sen as garantías esixibles». Considera, ademais, que para iniciar un diálogo «institucional» que permita resolver o conflito, faise necesario «impulsar unha lei de amnistía para as persoas condenadas». A entidade solidarízase «co pobo de Cataluña e coas persoas xulgadas» e di que en Cataluña «existe un amplo consenso» para que «a resolución deste conflito político sexa a través do recoñecemento democrático a decidir de Cataluña e de todas as nacións do Estado; é dicir, do dereito de autodeterminación, que nós apoiamos dende Galiza».

A plataforma Galiza pola República está formada polas asociacións Alexandre Bóveda, O Facho, Gomes Gaioso, Cultura Aberta de Carral ou Acción Antifascista, así como por partidos, correntes políticas e sindicatos como Anova, BNG, Corrente Vermella, En Marea, Equo, Esquerda Unida, Marea Atlántica, PCG, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, CIG e CRMH.