O PPdeG e Vox xa suman en silencio

ESPAÑA

Mariscal

16 novs 2019 . Actualizado ás 11:01 h.

Se por Ortega Smith fóra, Vox ilegalizaría de inmediato a Feijoo por todas esas ideas de perigoso nacionalista que lle atribúen. Hai centos de miles de galegos que xa non o votan, nin o farán nunca, pero entre os seus motivos nunca aparece ese disparate, o que pode dar algunha pista do desnorte da extrema dereita en Galicia e explicar que sigan co contador a cero en concelleiros e deputados.

A última arroutada do secretario xeral contra o líder galego pronunciouna en Ourense e incluía a ameaza de que «os tolos de Vox» -isto é literal- farán todo o posible por botar do poder ao actual presidente da Xunta dentro duns meses. Estas palabras cheas de inquina contrastan cos resultados do domingo, porque o PPdeG tería bos motivos para agradecerlle a Santiago Abascal a súa decisión estratéxica de presentar a un só candidato ao Senado por cada provincia, no canto dos tres habituais. A medida interpretouse a principios de outubro como unha chiscadela ao frustrado proxecto de Casado de España Suma, e pasou desapercibida ao valorar o reconto, pero sen entrar na decisión de cada un dos 115.000 votantes de Vox en Galicia é evidente que á hora de marcar a elección para o Senado o bolígrafo saltou cara ás casas dos candidatos populares. E tamén masivamente cara aos de Cidadáns, o que revela que hai galegos conservadores que seguen encabuxados co PP, que seguro que foi a súa única opción noutros tempos.

Sistematicamente, os candidatos ao Senado do PPdeG e de Cs tiveron máis votos que os sobres sumados para o Congreso, e iso non é moi habitual. Ocorreu nas catro provincias, aínda que en Lugo e Ourense o PP tomou a suficiente vantaxe como para non depender do voto útil dos simpatizantes de Vox. Pero houbo achegas que foron decisivas. Miguel Lorenzo (PP), que foi o senador coruñés máis apoiado, recibiu 194.321 cruces (33,02 %), mentres que na urna do Congreso había 185.267 papeletas do PP (30,5 %). O candidato ao Senado de Vox tivo, curiosamente, 9.000 votos menos que o seu partido en toda na provincia. En Pontevedra produciuse o mesmo transvasamento, uns 6.000 votos, que permitiron a Javier Guerra e Pilar Rojo mellorar os resultados do seu partido nun punto e empatar na repartición cos socialistas.

Galicia Suma traballou en silencio, porque o PSOE subiu un punto porcentual en apoios ao Senado, pero o PP creceu cinco, e do empate a oito de abril pasouse a un 11 a 5 a favor dos populares. Quen ten por aí o teléfono de Abascal?