O Goberno di que as protestas son accións coordinadas e que «non é un movemento cidadán pacífico»

La Voz

ESPAÑA

Atlas

O Executivo en funcións emitiu un comunicado asegurando que actuará con firmeza e proporcionalidade

16 oct 2019 . Actualizado ás 08:41 h.

O Goberno asegurou nun comunicado o seu compromiso para garantir a seguridade en Cataluña e denunciou que as protestas de grupos radicais son accións coordinadas, para «romper a convivencia», ademais de recalcar o labor das forzas de seguridade e a coordinación entre mossos, policía e Garda Civil.

No escrito publicado por Moncloa insístese en que o Executivo actuará con «firmeza, proporcionalidade» e que buscará a unión co resto dos partidos políticos para levar a cabo este labor.

«Unha minoría está a querer impor a violencia nas rúas das cidades catalás», di o comunicado, en especial en Barcelona, Tarragona, Xirona e Lérida. «A violencia desta noite está a ser xeneralizada en todas as protestas», engade.

Tras lembrar que «grupos violentos de manifestantes» atacaron as sedes das subdelegacións en Tarragona, Xirona e Lerida, e están a provocar «desfeitas e actos vandálicos» noutras localidades catalás, o Executivo cre que «é evidente que non estamos ante un movemento cidadán pacifico», senón un movemento «coordinado por grupos que utilizan a violencia na rúa para romper a convivencia en Cataluña».

 Ante a grave situación rexistrada nos últimos días en Cataluña, o presidente en funcións, Pedro Sánchez, tivo que cancelar a súa presenza na entrega do Premio Fernández Latorre, que se celebra este mércores na sede de La Voz de Galicia en Sabón, Arteixo.