Yolanda Díaz: «O seguinte Goberno no noso país vai ser de coalición, non se se de esquerdas ou de dereitas»

Francisco Balado Fontenla
f. balado MADRID / LA VOZ

ESPAÑA

Yolanda Díaz, diputada de Unidas Podemos
Yolanda Díaz, deputada de Unidas Podemos JOSE PARDO

A deputada de Unidas Podemos e Portavoz de Galicia en común no Congreso opina que o PSOE busca a repetición electoral

23 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A portavoz de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz (Fene, 1971), foi designada por Pablo Iglesias como integrante do equipo de Unidas Podemos para negociar o desbloqueo da investidura. Atende a La Voz desde Ferrol, onde goza na praia duns días de sol en Galicia tras un verán repleto de idas e vindas a Madrid. 

-Haberá investidura ou iremos a eleccións?

-Non me poño ningún outro horizonte que non sexa unha negociación. Parece que o que quere o PSOE, por intereses partidistas, é unha repetición electoral, pero sería unha gran irresponsabilidade, porque os españois votaron o 28 de abril con madurez parar frear á ultradereita. Cunhas novas eleccións córrese o risco de entregar as chaves da Moncloa ás dereitas.

-Parece que o PSOE descarta agora un Goberno de coalición. Estarían dispostos a investir a Sánchez mediante outra fórmula?

-Non é serio que o que hai escasamente un mes valía, agora non. Dá a sensación de que o PSOE se sentou a negociar por unha razón: que o señor Iglesias botouse ao carón tras dicir o presidente de Goberno en prime time que era el o escollo. Viuse forzado. O seguinte Goberno no noso país vai ser de coalición, non se se de esquerdas ou de dereitas.

-Arrepíntense de levantalo na moción de censura?

-Non. Fomos responsables. Naqueles días traballamos máis a moción que o PSOE. Iglesias fixo o traballo de interlocución coas demais forzas para darlle o poder gratis. Había que desaloxar ao PP. Abrir as fiestras. Fixémolo con moita alegría.

-Unha das dificultades que esgrime o PSOE para rexeitar o bipartito é a gran división que impera en UP.

-Ferraz intentou xogar á división. Son políticas pouco edificantes. Tivemos debates moi ricos. Temos un equipo negociador único conformado polas distintas confluencias.

-Tras o seu encontro co rei en Zarzuela presentouse como a representante de Galicia.

-O único traballo que se fai en defensa dos intereses de Galicia é o que se fai desde Galicia en Común. Ningún portavoz falou co xefe do Estado.

Por certo, xa me sorprendeu o gran coñecemento que tiña en materia industrial en Galicia. Pero ademais somos os únicos que propomos iniciativas no Congreso. Estamos a representar todos os conflitos laborais que hai en Galicia.

-Soa como futura ministra. Transición Ecolóxica?

- Non. Non traballo así. En absoluto. No meu grupo ninguén me dixo nunca nada de ostentar ningunha responsabilidade desta enxunlla. Estou centrada en sacar adiante un Goberno para o noso país, que sería moi importante para Galicia. Dispor dos 700 millóns de euros para dispor dos pagamentos anticipados a contas, ou desbloquear o estatuto electrointensivo que segue pondo en xaque a Galicia.

-Vese como candidata á Xunta? Nunca esconde as súas ganas de regresar a Galicia.

-Gustaríame vivir en Galicia. Teño unha filla aquí e é o que máis me pesa. Pero estou centrada nas tarefas que me concentran.