A irrupción de novos partidos ameaza trinta anos de fidelidade ao voto en Galicia
21 abr 2019 . Actualizado ás 12:38 h.As cousas non cambiarán demasiado no concello de Avión o vindeiro domingo 28. Non hai veciños en Galicia tan fieis ao Partido Popular como alí: nas xerais levaron un 88,2 % das papeletas; nas autonómicas, algo máis, o 88,6 %; e só un concelleiro do PSOE convive cunha corporación monocolor. As dúas seccións censales que dividen ao municipio ourensán forman parte das 700 onde o PP leva 30 anos gañando de forma ininterrompida nas eleccións xerais. Representan máis de dous de cada dez do total de seccións censales galegas, feudos que para Mariano Rajoy supuxeron o 37 % dos votos obtidos na comunidade no 2016.
Pablo Casado terao máis difícil que o seu predecesor. O seu partido podería perder ata tres escanos na comunidade, segundo as proxeccións de Sondaxe . O crecemento de Cidadáns e Vox no seu mesmo espazo ideolóxico ameaza uns 300.000 votos en Galicia. Onde máis periga este dominio é na Coruña e Pontevedra, onde estes bastións supoñen preto do 30 % do total en cada circunscrición. Nas provincias atlánticas terá lugar a maior repartición de escanos, con En Común Unidas Podemos e Cidadáns conseguindo representación e BNG, En Marea e Vox pelexando por conseguir, polo menos, un deputado.
En Lugo e Ourense, onde as seccións censales afíns ao PP desde fai tres décadas acadan o 45 % e o 34 % -respectivamente-, a loita polos deputados parece estar reservada aos dous grandes partidos, que se repartirían oito escanos a partes iguais.
Tamén será complicado manter a súa hexemonía nas sete grandes cidades. En Vigo, A Coruña e Santiago, os populares acumulan 94 barrios que depositaron a papeleta do PP, maioritariamente, desde 1989. A única illa nas urbes galegas que resistiu desde entón afín ao PSOE é o distrito herculino de Eirís.
Só 5 do PSOE
Fronte a un PP que recibiu catro de cada dez votos desde os seus bastións, as seccións censales fieis ao PSOE son case irrelevantes. Das 3.103 divisións galegas, os socialistas repetiron como a lista máis votada en cada convocatoria para as xerais en cinco delas. Concellos como Dumbría (A Coruña), Cervantes (Lugo) ou Salvaterra do Miño (Pontevedra) achegaron no 2016 un 0,24 % dos votos totais de Pedro Sánchez na comunidade.
Os candidatos socialistas lograron gañar en nove concellos galegos nas últimas xerais, deixando un mapa pintado de azul unha vez máis. O panorama podería cambiar o vindeiro domingo se se cumpren os prognósticos de Sondaxe, que co seu tracking diario deixa aos populares en segundo lugar e por baixo do 30 % dos votos fronte ao 41 % asinado fai tres anos.