Outra roca de extrema de dureza retarda a escavación do túnel paralelo ao pozo no que caeu Julen

La Voz REDACCIÓN / AXENCIAS

ESPAÑA

Daniel Pérez | EFE

A perforación acadou os 52 metros tras unha nova noite de traballos. O operativo de rescate non poderá chegar ata o pequeno antes do martes

21 ene 2019 . Actualizado ás 08:45 h.

A perforación da galería vertical paralela á que se atopa Julen, o neno de dous anos que caeu hai máis dunha semana a un pozo de 25 centímetros de diámetro e 110 metros de profundidade, acadou xa os 52 metros.

Os traballos, como vén sucedendo desde fai oito días, continuaron durante toda a noite, atopándose de novo zonas con materiais moi duros de furar, precisaron desde a Subdelegación do Goberno en Málaga. Este contratempo retardou as previsións iniciais de chegar aos 60 metros durante esta pasada noite.

Os estratos e roca de extrema dureza que están atopando os técnicos en Totalán volven provocar atrasos sobre o plan previsto, no oitavo día de traballos, xa que inicialmente se agardaba poder rematar a perforación vertical durante esta madrugada e aínda faltan oito metros para concluír o túnel cando empeza a amencer.

O operativo de rescate de Julen non poderá chegar ata o pequeno antes do martes, segundo as previsións avanzadas onte domingo polos seus responsables, que contaban con acabar o túnel vertical paralelo esta noite.

O coordinador do equipo, Ángel García, delegado do Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Málaga, explicou onte que cando se remate a perforación do túnel vertical paralelo será necesario encamisar este conduto para protexelo, unha operación que podería durar entre cinco e seis horas. 

Ademais, por petición da brigada mineira desprazada desde Asturias para participar no rescate, haberá que efectuar un recheo de terra, destinado a asegurar o descenso destes especialistas, que levará outras dúas ou tres horas.

Se se cumpren estes prazos, os mineiros poderían empezar a actuar na execución dunha galería horizontal que conectará este túnel vertical co pozo de Julen na tarde do luns, informa Efe.

A partir de aí, a velocidade do seu traballo dependerá do material que se vaian atopando, pero pola experiencia en traballos parecidos, os técnicos anunciaron que está labor podería prolongarse ata 24 horas. 

O delegado en Málaga do Colexio de Enxeñeiros e portavoz resaltou na súa intervención as dificultades provocadas nas tarefas de perforación polos materiais xeolóxicos existentes, ao ser unha unidade xeolóxica «moi complexa», formada por filitas e materiais de composición máis cuarcíticas, informa Europa Press.

«Imos de materiais duros a máis duros e ese é o motivo fundamental polo que en determinados momentos a velocidade é máis lenta; iso retarda toda a operación de perforación da galería vertical», explicou García Vidal, quen reiterou que facer unha previsión é «complicado e arriscado».

A pesar diso, considerou que se se segue coa marcha actual perforaranse os últimos 15 metros neste noite do domingo ao luns, iniciándose o resto de procedementos previstos. Tamén lembrou que para o labor de encamisado do pozo vertical paralelo ao do neno hanse estado a facer traballos auxiliares, que xa se remataron, informa Europa Press.

«Seguimos traballando intensamente, sen parar, e moi pronto agardamos acadar o obxectivo desexado», insistiu, e que non é outro que rescatar a Julen.