A Generalitat intenta rebaixar a tensión e garante a seguridade do Consello de Ministros

C. Reino BARCELONA / COLPISA

ESPAÑA

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

a véspera da comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso para falar de Cataluña, a Generalitat intentou onte rebaixar a tensión dos últimos días e emprazou ao presidente do Goberno ao diálogo e a negociación e a que se á parte das teses intervencionistas do PP. A conselleira da Presidencia, Elsa Artadi, constatou que algo cambiou, e para mal, nas relacións entre ambos os Executivos e atribuíuno ao resultado electoral dos socialistas en Andalucía, que se traduciu nunha actitude e un ton máis agresivo do Goberno central cara ao independentismo.

Ese cambio de rumbo plasmouse nas tres cartas enviadas o luns pola vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, e os ministros do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e Fomento, José Luis Ábalos, nas que pedían explicacións á Generalitat por «as graves alteracións de orde pública e seguridade do tráfico» da pasada fin de semana na autovía AP-7. Nos textos, falábase de abandono de funcións coa advertencia de enviar á Policía se os Mossos non actúan. O PSOE, ademais, mencionou por primeira vez a aplicación o 155. «Non nos tremerá a man», avisou a portavoz do comité electoral socialista, Esther Pena.

Artadi expresou a súa «sorpresa» por esas cartas, acusou o Goberno socialista de falta de «lealdade institucional» e invitoulle á «reflexión» para «non volver equivocarse» co 155. Ao seu xuízo, a Consellería de Interior garantiu a pasada fin de semana todos os dereitos, cando os CDR cortaron a AP-7 durante 15 horas sen que os Mossos actuasen. Segundo Artadi, a Policía catalá actuou de forma correcta porque asegurou o dereito da cidadanía a manifestarse e tamén o dereito á mobilidade dos condutores. O conselleiro de Interior, Miquel Buch, respondeu onte por carta á de Marlaska e sinalou que os Mossos actuaron con criterios «estritamente profesionais» e non incorreron en «inacción». Aplicáronse, escribiu Buch, os mesmos protocolos que durante a etapa do 155 ante feitos similares.

Marcha atrás

A portavoz da Generalitat fuxiu do ton belixerante que empregou o independentismo estes días. Como mostras, a defensa de Quim Torra da vía eslovena para acadar a independencia (cunha guerra polo medio), a advertencia de Toni Comín de que o que queda de procés será «dramático», a ameaza dos CDR de incendiar as rúas o 21 de decembro e un dos fundadores de Terra Lliure chamando ao levantamento popular.

A propia Artadi, de feito, se autoenmendó xa que hai unha semana afirmou que a reunión do Consello de Ministros en Barcelona sería unha «provocación», e onte limitouse a dicir que o Govern garantirá a súa celebración porque está no seu dereito de reunirse na capital catalá. Iso si, o Goberno catalán segue sen rexeitar as chamadas que realizan os sectores máis radicais do independentismo para rebentar a celebración do Consello de Ministros. «O 21D, o Govern ten que garantir o dereito de reunión e o de protesta», dixo Artadi. Lamentou ademais que na Generalitat non teñan recibido ningunha «comunicación formal» sobre a reunión ministerial. «Non sabemos nin onde se vai celebrar», afirmou. Tampouco existe comunicación sobre a posible reunión entre Sánchez e Torra. «Nin petición formal nin orde do día», queixouse.

O Goberno catalán rebaixou tanto o ton que Artadi deixou case en nada a apelación que fixo o venres e o sábado Quim Torra á vía eslovena. A conselleira defendeu ao presidente, pero evitou en todo momento un apoio explícito do Executivo catalán á chamada senda eslovena, tendo en conta que nin ERC nin o PDECat apóiana. Segundo a conselleira, o que Torra fixo foi mostrar un compromiso e unha determinación coa democracia e a liberdade.