Condenada a seis meses de cárcere por agredir á súa profesora en Málaga

La Voz

ESPAÑA

A clase realizaba un exame de Inglés cando unha das alumnas empezou a queixarse, levantouse e deulle unha patada a unha cadeira, que golpeou á docente nunha perna causándolle lesións

21 novs 2018 . Actualizado ás 07:54 h.

Unha alumna de un instituto de Mijas foi condenada a seis meses de prisión polo Xulgado do Penal número 1 de Málaga por lesionar a unha das súas profesoras tras propinarlle unha patada a unha cadeira que estaba situada entre ambas. A docente resultou ferida e necesitou asistencia médica. 

Os feitos sucederon o pasado febreiro, durante un exame de Inglés. A alumna, maior de idade, comezou a queixarse coa intención de boicotear a proba, discutiu coa profesora e foi entón cando lle deu unha patada a unha cadeira da aula, que ao saír disparada golpeou á profesora, á que lle causou unha lesión na parte superior da tibia. A continuación, a moza manifestou en ton xocoso: «Cálache, que aínda non che fixen nada», segundo sinala a resolución xudicial, facilitada a Efe por CC.OO., sindicato ao que acudiu a mestra.

A alumna foi condenada como autora dun delito de atentado á autoridade e dun delito leve de lesións, polo que deberá ademais pagar unha multa de 180 euros, indemnizar con 125 euros á profesora polas lesións causadas e asumir as costas procesuais. O secretario xeral do Sindicato de Ensino de CC.OO. en Málaga, Félix Martín, animou a denunciar estas situacións de violencia nos centros educativos e «non sentir vergoña», xa que forma parte da educación do alumnado e do conxunto da sociedade que se saiba que as actitudes violentas «teñen consecuencias».