Descolgan a pancarta a favor dos presos horas antes do acto de Marc Márquez

La Voz

ESPAÑA

O alcalde da localidade natal do piloto, Cervera, asegura que o cartel en apoio dos políticos soberanistas xa foi reposto. O campión de MotoGP anunciou que por segundo ano consecutivo non sairá ao balcón do concello

10 novs 2018 . Actualizado ás 13:24 h.

No concello de Cervera, Lérida, dúas persoas descolgaron esta noite unha pancarta en apoio dos políticos independentistas encarcerados. A acción foi reivindicada a través de Twitter polo grupo «Groc Enlloc» («Amarelo en ningún sitio»), que ademais colgou un vídeo no que se ve como descolgaban o cartel desde a rúa coa axuda dunha vara e un gancho. Durante a retirada apréciase ademais como se achega un axente dos Mossos que non impide que as dúas persoas, que van co rostro cuberto, culminen a súa acción. 

O vídeo remata cun «Marc, querémosche» xa que os autores aseguran que, agora si, «Marc Márquez podería celebrar o seu campionato mundial». O piloto festexará esta tarde na súa localidade natal a súa quinta vitoria mundial de MotoGP, aínda que xa anunciou que, por segundo ano consecutivo, non sairá ao balcón do Concello precisamente pola presenza deste cartel que pide «Libertat presos polítics». 

En declaracións a Catalunya Ràdio recollidas por EFE o alcalde de Cervera, Ramon Royes (PDeCAT), explicou esta mañá que a policía local xa identificou aos autores da acción, que non son veciños do municipio, e indicou que el mesmo repuxo esta mañá a pancarta retirada.