Xustiza buscará desaparecidos da Guerra Civil e anuncia un estudo para ilegalizar a Fundación Franco

O Goberno prevé novas medidas para ampliar a Lei de Memoria Histórica


A ministra de Xustiza, Dolores Delgado, anunciou este mércores unha futura reforma integral da Lei de Memoria Histórica, así como a elaboración de plans de procura de desaparecidos, un censo de vítimas da Guerra Civil e a ditadura e programas de exhumación. Ademais, adiantou que o seu departamento estudará o xeito de levar a cabo a «ilegalización daquelas asociacións ou organizacións que fagan apología do franquismo», como a Fundación Francisco Franco.

«É a nosa intención e o noso compromiso asegurar o acceso á verdade mediante os mecanismos adecuados e eficaces que garantan o dereito á reparación das vítimas do franquismo e a obtención das adecuadas garantías de non repetición», afirmou Delgado na súa primeira comparecencia no Congreso.

Por este motivo, o Ministerio de Xustiza creou unha nova Dirección Xeral para a Memoria Histórica que, tal e como explicou Delgado, se encagará de establecer «plans de procura de desaparecidos» e contará con «expertos en materias relacionadas co Dereito, a Arqueoloxía e a Antropoloxía Forense, así como representantes de asociacións memorialistas e de familiares de vítimas e calquera outra persoa destacada en materia de Memoria Histórica».

Esta dirección xeral fará públicos os datos de exhumación anual, o número de persoas localizadas, a cifra de peticións rexistradas e o número de prospeccións sen resultado positivo para a súa posterior publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) ou no boletín oficial da comunidade autónoma onde se realizou a exhumación. Tamén procederá á publicación dun censo oficial de vítimas da Guerra Civil e a ditadura.

Tras subliñar que a Lei de Memoria Histórica de 2007 ha de ser actualizada, a ministra adiantou que o Goberno porá en marcha unha reforma integral que irá en liña ao exposto na proposición de lei que presentou o PSOE na oposición e que foi rexeitada polo entón Executivo de Mariano Rajoy.

Nulidade dos TOP

Segundo a ministra, esta reforma terá como obxectivo «declarar a nulidade dos tribunais de excepción franquistas e os seus fallos e sentenzas, impulsar desde o público as exhumacións, crear unha comisión da verdade, resignificar o Val dos Caídos nos termos recomendados pola Comisión de Expertos que estudou o asunto en 2011, retirar a simboloxía de exaltación da Guerra Civil e a ditadura, cun procedemento taxado con sancións económicas para o caso de incumprimento e reforzar o acceso a arquivos».

Ademais diso, remarcou Delgado, o Executivo proponse reabrir a Oficina de Apoio ás Vítimas do Franquismo e estudará o xeito de levar a cabo a ilegalización daquelas asociacións ou organizacións que fagan apología do franquismo.

«Non se trata da cualificación das vítimas dun lado ou doutro, é algo diferente. Trátase de cumprir cos principios básicos do Dereito Humanitario, do Dereito Internacional e dos Dereitos Humanos. E algo moito máis próximo: de cumprir a lei e, na súa falta, definir os mecanismos que a complementen».

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
10 votos
Comentarios

Xustiza buscará desaparecidos da Guerra Civil e anuncia un estudo para ilegalizar a Fundación Franco