O deputado José Ramón García Hernández optará a presidir o PP

Efe ÁVILA

ESPAÑA

O secretario de Relacións Institucionais é o primeiro que fai pública a súa candidatura

16 jun 2018 . Actualizado ás 18:03 h.

O deputado e diplomático José Ramón García-Hernández (Ávila, 1971), secretario executivo de Relacións Internacionais do Partido Popular, anunciou hoxe a súa candidatura á presidencia no congreso extraordinario que terá lugar os días 20 e 21 de xullo para suceder a Mariano Rajoy. «Tomei a decisión de presentarme ás primarias do Partido Popular», anunciou o deputado abulense na súa conta persoal de Twitter.

García-Hernández é secretario executivo de Relacións Internacionais do Partido Popular e nas últimas eleccións figurou como número dous ao Congreso na lista do PP pola provincia de Ávila, por detrás do vicesecretario de Comunicación, Pablo Casado. 

Trátase do primeiro nome que se fai público na carreira sucesoria de Rajoy e faino desde Ávila, unha terra da que partiron líderes do centro-dereita español como Adolfo Suárez e José María Aznar.

José Ramón García-Hernández, casado, con tres fillos e diplomático de carreira, foi deputado na novena, undécima e duodécima lexislaturas. É doutor en Filosofía Política; Licenciado en Economía e Administración de Empresas pola Universidade Pontificia de Comillas-Icade e licenciado en Ciencias Políticas e Sociología pola UNED. Ademais, no seu currículo das últimas Eleccións Xerais, figura que cursou estudos de posgrao en Harvard Hennedy School; no IESE-Business School, no Ceseden e na Universidade Complutense de Madrid.

Diplomático de carreira, ocupou diversos postos en Áreas de Asuntos Internacionais e de Seguridade e Terrorismo, Iberoamérica, Ministerio do Interior e Dirección de Política Exterior. Así mesmo, desempeñou a segunda xefatura da Embaixada de España en Bulgaria e a segunda xefatura na Embaixada de España en Bosnia e Herzegovina.

Profesor de relacións Internacionaales e Teoría Política na Universidade Pontificia de Salamanca (UPSA) e na Francisco de Vitoria, así como na Universidade Villanueva e na Universidade Europea de Madrid. Membro do Comité Executivo Nacional do Partido Popular, tras o último Congreso Provincial do PP de Ávila foi designado presidente do Comité Electoral.