José Manuel Franco, afín a Sánchez, novo secretario do PSOE de Madrid

La Voz MADRID / AXENCIAS

ESPAÑA

Luca Piergiovanni | Efe

O portavoz adxunto do PSOE-M na Asemblea de Madrid foi elixido onte co 71,77 % dos votos

02 oct 2017 . Actualizado ás 13:18 h.

O portavoz adxunto do PSOE-M na Asemblea de Madrid , José Manuel Franco, foi elixido o sábado secretario xeral do partido ao gañar as eleccións primarias co 71,77 % dos votos (5.410), polo que non será necesaria unha segunda volta ao conseguir máis da metade dos apoios. Nas primarias competía co deputado rexional e alcalde de Soto del Real, Juan Lobato, que obtivo o 19,74 % dos votos (1.488), e co exparlamentario rexional Eusebio González Jabonero, cun respaldo do 8,49 % (640).

A familia de José Manuel Franco é orixinaria do municipio da Pobra do Brollón, pero leva moito tempo instalada en Monforte. José Manuel Franco naceu en setembro de 1957. É licenciado en Dereito e funcionario de carreira do Ministerio de Defensa. Con esta, suma tres lexislaturas como deputado do grupo socialista na Asemblea de Madrid. Entre outros labores anteriores, foi portavoz do seu partido nas áreas de Emprego e Deportes e presidente da comisión parlamentaria de Orzamentos. En febreiro do 2015 foi designado portavoz do grupo socialista na asemblea de Madrid.

Franco coordinou na Comunidade de Madrid a campaña para as primarias do PSOE do actual secretario xeral, Pedro Sánchez, mentres que Lobato se inclinou por outro dos candidatos, o exlendakari Patxi López. En total, emitíronse 7.705 votos dos cales 12 foron nulos (0,16 %), 155 en branco (2,01 %) e 7.548 válidos (97,99 %), segundo anunciou a presidenta do comité de ética do PSOE-M, Marisa Mercado. A participación foi do 50,28 % nunha xornada na que os 15.482 militantes do PSOE-M estaban chamados a participar.

Tamén onte, o secretario xeral do PSOE de Castela-A Mancha e presidente da Comunidade Autónoma, Emiliano García-Page, impúxose no proceso de primarias celebrado na rexión, obtendo un 71 % dos votos emitidos.