Feijoo fará pequenos retoques na estrutura da Xunta para potenciar novos perfís

Juan María Capeáns Garrido
juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIÓNS 2020

PACO RODRÍGUEZ

Candidatos ao redor dos 45 anos terán maior visibilidade

17 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As cabezas pensantes do PPdeG, do Goberno galego e do grupo parlamentario popular marcaron en vermello a última semana de agosto para a toma de posesión de Alberto Núñez Feijoo, que continuará co anuncio do Goberno. Con esa previsión, a tarde do sábado 29 sería a elixida polo líder autonómico para facer as chamadas de confirmación aos membros do gabinete que continúan, que serán a gran maioría ou mesmo todos; e tamén ás novas incorporacións, de habelas.

A moderación política que se lle atribúe ao presidente da Xunta en funcións tamén será o aceno de identidade da estrutura autonómica, xa que dá por sentado que os galegos avalaron o traballo dos seus conselleiros, que ían destacados nas listas provinciais. A conxuntura non invita os cambios nas consellerías que habitualmente acumulan máis desgaste, como Sanidade ou Educación, que estarán inmersas na xestión da pandemia e o inicio do curso, mentres que Cultura estará a lume de biqueira co Xacobeo 2021. No resto de departamentos non hai motivos aparentes para as substitucións, que poderían deixarse para un impulso posterior. Si se podería valorar o reforzo dunha consellería estratéxica para a reconstrución como Economía, Emprego e Industria, aínda que Francisco Conde é unha peza fixa.

Nese punto entran en xogo varios nomes que comparten a súa participación nas listas e unha idade moi similar, ao redor dos 45 anos, para os que podería ter chegado o momento de dar un salto nas responsabilidades tras acumular experiencia orgánica e de xestión en distintas frontes. Por unha banda, Álvaro Pérez (1973), man dereita de Feijoo no seu gabinete e número 10 pola Coruña; e por outro, Diego Calvo (1976) e Elena Candia (1978), presidentes provinciais do PP na Coruña e Lugo, acumularon credenciais e solvencia tras cultivar uns resultados espléndidos, aínda que no partido son conscientes de que para Feijoo un bo traballo interno non debe abrir necesariamente as portas do Goberno. Nin tan sequera para outro dos triunfadores do domingo, Miguel Tellado (1974), secretario xeral do PPdeG e portavoz para os asuntos industriais, que adquiriron máxima relevancia.

Nos segundos niveis o presidente aproveitaría para renovar perfís e dar visibilidade a valores en alza que xa ocuparon cargos máis grises. Son os casos da viguesa Marta Fernández Tapias (1974) ou do compostelán Borja Verea (1980), caras aínda descoñecidas para moitos galegos pero que teñen bos currículos e proxección política para encomendas futuras, mesmo en clave local.