O BNG atrae aos menores de 40 anos; o PP arrasa a partir dos 50

Manuel Varela / laura pracer REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIÓNS 2020 · Exclusivo subscritores

Xoán Carlos Gil

Os populares superan o 40 % dos sufraxios en todas as franxas de idade

15 jul 2020 . Actualizado ás 14:16 h.

O barrio de Novo Mesoiro , o máis novo da Coruña, pártese en dúas seccións censales. Dun lado, o BNG vence ao resto cuns resultados que farían presidenta a Ana Pontón. Do outro, o PP sácalle catro puntos de vantaxe. A maioría dos seus veciños apenas chegan aos 30 anos, pero son un reflexo de como se repartiron os votos nas eleccións do domingo en función da idade. O Bloque logra os seus maiores apoios entre o electorado máis novo. Os populares tamén cultivan bos resultados entre os menores de 40 —mellores mesmo que os nacionalistas— pero é cos votantes maiores de 50 anos cando consegue arrasar nas urnas.

Hai máis de 2.100 seccións censales en Galicia que dividen o territorio e en só 137 o electorado ten unha media de idade inferior aos 40 anos, un dato que pon de manifesto o envellecemento da poboación galega. A maioría destas seccións están nas cidades e a súa contorna, incluíndo concellos como Ames, Culleredo ou Salceda de Caselas. O PPdeG cultiva nelas o 40,9 % dos sufraxios, un resultado que rebaixa en oito puntos a cuarta maioría absoluta de Alberto Núñez Feijoo. O BNG dispárase ao 29,6 %, seis puntos máis que no conxunto da comunidade.

As marxes amplíanse no seguinte chanzo, entre os 40 e os 45 anos, un grupo de 603 seccións censales repartidas entre 99 concellos. Nelas, o Bloque pasa a contar co 26 % dos apoios e o PP concentra o 43,5. Ata os 50 anos, a formación frontista mantense por amais do 23 % dos sufraxios, os mesmos que obtivo en toda Galicia. É máis, nas seccións onde os electores promedian entre 45 e 50 anos se calca ese 23,8 % total. No medio milleiro de seccións onde o censo ten máis de 50 anos, as papeletas do PP multiplícanse ata superar o 50 % dos sufraxios e os do BNG redúcense a case a metade. Este último conta con algunha rareza, como sacar o seu segundo mellor resultado no local social de Ferreira, en San Sadurniño, onde os veciños superan os 53 anos de media. O concello, con todo, é un exemplo doutra das claves do histórico segundo posto do Bloque, ao contar cun alcalde deste partido. Así, repetiu bos resultados noutros lugares con rexedores nacionalistas, como Allariz, Verea ou A Mezquita.

Cada un dos tres concellos máis envellecidos de Galicia, coa maioría de veciños por amais dos 62 anos, dan a vitoria a un partido diferente. Na Pobra do Brollón, o PP leva case a metade de sufraxios; en Calvos de Randín gaña o PSdeG; e, en Verea imponse o BNG. En todas as seccións cunha poboación maior de 60 anos, as candidaturas de Feijoo acadan o 59,7 % dos votos. O PSdeG leva dous de cada dez votos e, o Bloque, o 15,8 %.

Os socialistas galegos sitúanse como segunda forza entre o electorado maior de 55 anos. Só superan o 20 % dos sufraxios nas seccións con electores de entre 40 e 50 anos de media. Galicia en Común, que con 51.000 papeletas quedou fóra do Parlamento ao non superar o limiar mínimo de votos en ningunha provincia, tivo mellor rendemento nas seccións máis novas, aínda que só acada o 5 % das papeletas. Entre os maiores de 55, as mareas apenas pasan o 1 % dos sufraxios. O seu mellor resultado é nunha mesa electoral do barrio coruñés de Eirís , onde chegan ao 23 % dos apoios e a idade media é de 46 anos.

PSdeG e Bloque perden votos entre electores con rendas de máis de 15.000 euros

Nos votos ao PPdeG obsérvase un estraño fenómeno que ten base na implantación territorial do partido: os seus maiores apoios están entre os tramos de renda máis baixos de Galicia, pero tamén entre os de maior renda. A maioría de seccións con ingresos anuais por habitante inferiores aos 9.000 euros están en concellos rurais, mentres que as máis altas se atopan en zonas urbanas. En áreas con rendas por baixo de 9.000 e entre 15.000 e 20.000 euros, os populares aglutinan o 53 % dos sufraxios.

Iso si, nas 19 seccións galegas con ingresos superiores a 20.000 euros, os apoios dispáranse ao 65 %, fronte ao 14,8 e o 11,1 de BNG e PSdeG. Ambos os partidos perden entre catro e cinco puntos a partir dos tramos de renda superiores aos 15.000 euros. As dúas formacións conseguen os seus mellores resultados en seccións con ingresos medios entre 11.000 e 13.000 euros.

Forza gañadora por sección e idade

Amplía o mapa para ver cada sección censal