Sucedeu en 1985: O día que a movida galega arroupou a González Laxe

Gladys Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIÓNS 2020

María Pedreda

Javier Solana, entón ministro de Cultura, chegaba á Coruña para inaugurar unha exposición dedicaba á movida madrileña. Os «posmodernos» viron o acto electoralista e plantaron ao PSOE nunha cea para intelectuais

10 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Eleccións de 1985. As segundas da autonomía e primeira candidatura de Fernando González Laxe. O socialista aínda tería que agardar un par de anos para facerse coa presidencia da Xunta grazas a unha moción de censura -as autonómicas gañounas Coalición Popular de Galicia con Fernández Albor á fronte-. Laxe vivía a súa primeira campaña e con ela anécdotas e desgustos. Unha das máis particulares tivo que ver cunha exposición no Quiosco Alfonso da Coruña. O entón ministro de Cultura, Javier Solana, recalaba na cidade herculina para inaugurar unha exposición dedicada á movida madrileña. 

Todo parecía normal pero, como publicaba La Voz o luns 11 de novembro do 1985, aos «posmodernos de Madrid desbordoulles a utilización electoralista do evento do Quiosco Alfonso».

«Eles acudiran á Coruña coa mera intención de presentar unha exposición», explicaba a información, que apuntaba tamén a que os representantes da movida «estaban ao tanto do que se cocía». «Tampouco falta algún carné de militancia socialista, aínda que a outros a situación áchalles pillado entre dous lumes». 

O malestar de verse envolvidos nun acto electoral, fixo que os chegados desde a capital decidisen non acudir á cea que o PSOE organizara despois na localidade coruñesa de Sada para artistas e intelectuais, «baixo a presidencia do propio González Laxe, os ministros Abel Caballero e o citado Solana».

«Un confuso mar de fondo axitou as relacións entre socialistas e "posmodernos", de maneira que ninguén quedou contento coa actuación do outro», explicaba a reportaxe.

En todo isto, había un terceiro grupo en discordia. Nos medios culturais e artísticos da Coruña, «un punto escéptico ante a transcendencia da obra madrileña en si, resaltábase a singularidade de que o ministro do Cultura viñese desde Madrid á Coruña para publicitar unha mostra característicamente madrileña e cunha propaganda que nunca tiveron para si a arte e a cultura galega de vangarda». 

Coa chegada da polémica cea e a fuxida da movida madrileña, o propio Laxe coincidiu en sinalar xunto a Solana, a «extraordinaria calidade e a altura da produción galega de cultura estética de vangarda». 

A espantada da movida madrileña «fronte ao boato electoral», fixo que a autóctona dese un paso adiante. «Un sector da movida galega, concretamente do grupo Seme Up» si apoiou a Laxe en Vigo. Foi nun acto no concello, con Manuel Soto como alcalde, e baixo o paraugas da recoñecida rivalidade entre movida viguesa e madrileña.

«Os esforzos de González Laxe por sintonizar coa movida non son conxunturais, de estratexia electoral. Xa hai tempo que vén expondo os seus testemuños de admiración por Seme Up e Viúva de Gómez. Probablemente haxa que atribuílo a circunstancias xeracionais, nas que o candidato socialista, aos seus 32 anos, desempeña unha función ponte», explicaba esta crónica de 1985.

COA túa SUBSCRICIÓN PODES ACCEDER A Todas As NOTICIAS PUBLICADAS EN LA VOZ DE GALICIA, DESDE 1882 ATA HOXE, BUSCANDO POR PALABRA CRAVE