O PP anuncia a chegada dun Goberno «de esquerda radical»

Francisco Balado Fontenla
Fran Balado MADRID / LA VOZ

ELECCIÓNS 2020

Eduardo Parra - Europa Press

Casado descarta a posibilidade de absterse na investidura

13 novs 2019 . Actualizado ás 09:10 h.

O preacordo entre o PSOE e Unidas Podemos para formar un Goberno de coalición colleu a Pablo Casado co pé cambiado. No mesmo momento no que se formalizaba o anuncio, o líder do PP mantiña un encontro en Xénova 13 co resto de integrantes do Comité Executivo Nacional para analizar os resultados do 10N e debater unha remota colaboración con Sánchez para favorecer a súa investidura en aras de garantir a gobernabilidade do país e desengrasar o bloqueo político. Xa non fará falta.

O xefe da oposición compareceu na sala de prensa de Xénova nada máis finalizar o conclave para criticar a alianza entre socialistas e morados, ao entender que o único que traerá consigo será «un goberno de esquerda radical», xusto todo «o contrario do que necesita España». Casado mantivo ao longo de toda a campaña que en ningún caso se abstería para achandar a investidura de Sánchez, pero a pequena regaña que deixou aberta na noite electoral quedou onte «pechada con estrondo» tras coñecer o acordo do presidente do Goberno en funcións con Podemos. «Nin nos chamaron», lamentou, pronunciando unha das súas expresións máis recorrentes para pór en dúbida a repetición electoral que custou ás arcas públicas 200 millóns de euros e tras a que o PSOE e Unidas Podemos suman dez escanos e un millón e medio de votos menos: «Para esta viaxe non facían falta alforxas».

Casado fue especialmente crítico coa actitude pasota de Sánchez, ao que acusou de seguir alimentando o «cordón sanitario» establecido polo PSOE sobre a súa formación no 2003 co pacto de Tinell, cando o socialista Pasqual Maragall preferiu abrazar á ERC de Carod Rovira para acadar a Generalitat. Fuentes próximas á dirección confirman a La Voz que o domingo foi o propio Casado o que telefonou a Sánchez para felicitarlle pola súa vitoria nas urnas, pero que este non contestou ata o luns, cando lle enviou unha mensaxe de texto escusándose por non ter podido responder.

Dentro das filas populares o exportavoz parlamentario Rafael Hernando reaccionou na súa liña de trazo groso habitual. En varios chíos sinalou que Sánchez «se deu moita présa en intentar disimular o seu fracaso: tres deputados e 30 Senadores menos». Tamén o cualificou como «un trileiro que arruinará España en pouco tempo, e pronto bloqueará outra vez para levar a eleccións».

Cs pide «unha rectificación»

E se o anuncio do preacordo para a coalición colleu ao PP desprevido, a Cidadáns sorprendeulle descabezado, ao coincidir coa resaca da dimisión de Albert Rivera tras 13 anos ao volante. O próximo líder da formación laranxa non será elixido oficialmente ata dentro de catro meses, cando se celebre un congreso extraordinario, pero todas as quinielas apuntan a Inés Arrimadas como a sucesora natural. A portavoz parlamentaria cre que aínda hai «tempo» para que Sánchez «rectifique», polo que apelou a «a responsabilidade de PSOE e PP para chegar a un acordo moderado e constitucionalista con Cs», manifestou a través de Twitter.

As posibles combinacións para que Sánchez saque adiante a votación de investidura son varias e moi diversas, xa que a aritmética do Congreso que se constituirá o próximo 3 de decembro é máis complexa que nunca, pero os dez escanos de Cs poden ser clave para que o candidato socialista non dependa dos independentistas cataláns.

Feijoo: «Supoño que ninguén se vai fiar nunca máis do candidato socialista»

 

F. B.

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, foi un dos primeiros en reaccionar ao principio de acordo acadado entre o PSOE e Unidas Podemos para conformar un Goberno de coalición. Feijoo mostrouse especialmente crítico con Sánchez, ao que acusou de «entregarse á política económica e ao populismo de Podemos» nun momento especialmente difícil para un país inmerso en «unha situación territorial crítica, coa ameaza permanente do independentismo catalán, e ante unha situación económica tamén moi complexa», argumentou á saída do conclave celebrado onte en Xénova antes de emprender o seu regreso a Galicia.

O titular da Xunta lamentou que o PSOE estea baixo a dirección de Pedro Sánchez ao estrañar a altura de miras e o sentido do Estado de históricos líderes socialistas como «Felipe González ou Rubalcaba», cos que garantiu que, nunha situación tan excepcional, xa se puxeron en contacto coa dirección do PP para «buscar un acordo» en favor de «a inmensa maioría de españois».

Feijoo tamén lembrou as palabras de Sánchez este verán nas que aseguraba que non podería «durmir tranquilo» con Podemos na Moncloa para denunciar o «engano» do xefe do Goberno en funcións, xa que agora este lle ofrece a Iglesias un asento preferente no Consello de Ministros, cando o único que cambiou desde entón é que o PSOE cedeu a súa maioría absoluta no Senado e deixouse bo número de votos nas urnas: «Supoño que ninguén se vai fiar nunca máis do candidato socialista», deduciu.