Arreón final por tres cidades

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro O PULSO DA CAMPAÑA

ELECCIÓNS 2020

Ramón Leiro

24 may 2019 . Actualizado ás 06:52 h.

Foi na campaña das autonómicas do 2009 cando o PP concibiu aquela repartición de tarefas entre Feijoo e Rajoy que tanto éxito lle deu. O primeiro dedicouse a peitear cidades e vilas. O segundo fixo un máster de veciñanza invitando a cuncas en pequenas tabernas de aldea. Saíulles ben. O PP logrou contra prognóstico desaloxar ao bipartito da Xunta, e ese espírito é o que intentan recuperar os populares sacando ao tándem Feijoo-Rajoy na última xornada para protagonizar o arreón final nas tres cidades galegas que creen estar a disputar co PSOE: Ferrol, Lugo e, en menor medida, Ourense.

Na sala de motores dos partidos dan por feito que, a estas alturas, está definido xa o nome de catro dos alcaldes das sete urbes galegas. É algo que ninguén discute en Vigo e Pontevedra, onde Abel Caballero e Lores téñeno todo de cara para repetir; e que só admite discusión en toda á fórmula de investidura en Santiago e na Coruña, onde os socialistas Sánchez Bugallo e Inés Rey están en disposición de sumar unha amplía maioría coa esquerda, aínda sen ser os máis votados, e aínda que queda iso, o último arreón, para evitar confianzas entre os seus electores. Cada voto vale ouro. 

E aí acábase o que se ha ir perfilando ao longo da campaña. O líder do PPdeG, como vén sendo habitual en municipais, ten previsto pisar hoxe as sete cidades galegas. En Vigo e Pontevedra estará para cumprir; en Ferrol pechará a xornada, pois o PP quere botar o resto no seu empeño por lograr a alcaldía; e a presenza de Feijoo en Lugo e Ourense estará reforzada coa figura de Mariano Rajoy.

Na cidade das murallas actuarán xuntos, pois teñen o pálpito de que o seu candidato, Ramón Carballo, está a lograr remontar fronte á alcaldesa Lara Méndez e pode darlle unha boa noticia a noite do 26M, con efectos positivos sobre a Deputación de Lugo. En Ourense todo é máis complicado: ninguén depende de si mesmo. Feijoo e Rajoy vana pisar por separado e o domingo cruzarán os dedos polo futuro de Jesús Vázquez. O PSOE, en cambio, confía en obter a prerrogativa de chegar primeiro ao sitio para complicar que o poidan botar a cotenadas.