A FP labra o futuro do medio rural

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

CEDIDA

Galicia impartirá o próximo curso unha vintena de ciclos de Formación Profesional relacionados co campo; hai máis de 1,600 prazas para os interesados

27 novs 2020 . Actualizado ás 18:32 h.

Preto dunha vintena de ciclos de Formación Profesional relacionados co mundo rural impartiranse en Galicia durante o próximo curso escolar. Neles inclúense actividades como a gandería, a viticultura, a xestión forestal ou o deseño de mobles, entre outras. Estudos, todos eles, moi ligados co sector primario e que, con todo, non sempre teñen a demanda de prazas que cabería agardar. A matrícula para poder cursar calquera destes cursos atópase aberta nestes momentos e nos centros aseguran que, en moitas das disciplinas, aínda hai prazas dispoñibles. Algúns estudos non están pensados só para mozos, senón tamén para dar unha mellor formación a profesionais que están en activo.

Rama agraria

Galicia conta con nove ciclos na rama de formación agraria e un total de 648 prazas. A oferta inclúe dúas de grao básico, que son A ctividadesagropecuarias e Agroxardinería e composición floral. De grao medio hai outros catro: Aproveitamento e conservación do medio rural, Produción agroecolóxica, Produción agropecuaria e Xardinería e florería. E tres máis son de grao superior: Gandería e asistencia animal, Paisaxismo e medio rural e Xestión forestal do medio rural. «Son ciclos que teñen demanda, pero nestes primeiros días a cousa vai lenta», explica Camiño Nicolás, directora no centro Formación Experimentación Agraria de Sergude. Ciclos como o de gandería , que só se imparte en dous institutos en toda Galicia, adoitan ter «lista de espera, pero no resto sobran plazas», engade, Os estudantes teñen un perfil moi variado, desde os que utilizan estes estudos para acceder a veterinaria, aos que queren traballar de auxiliares nas clínicas de animais, pasando polos que se dedicarán a explotacións de leite. «Tamén veñen moitos enfocados ao tema dos equinos, porque é unha parte importante da carga lectiva», asegura. A formación de adultos tamén está incluída na oferta deste centro, que imparte módulos de produción agropecuaria. E o instituto conta mesmo con comedor e residencia mixta para os estudantes.

PACO RODRÍGUEZ

Industrias Alimentarias

A segunda rama relacionada co medio rural é a que ofrece estudos de Industrias Alimentarias. Aquí impártense seis ciclos que ofrecen 480 prazas en toda Galicia. Só hai un de grao básico, titulado Industrias agroalimentarias, que se imparte en dous centros de Galicia. Tres son os de grao medio: Aceite de oliva e viños, Elaboración de produtos alimentarios e Panadería repostería e confeitería. Este último é un dos que máis prazas ten en toda Galicia, pois se imparte en oito centros diferentes. No grao superior atopámonos con Procesos e calidade na industria alimentaria e Vitivinicultura. Tres institutos imparten estudos relacionados co mundo do viño en Galicia: o de Cambados , o da Granxa en Ponteareas e o do Ribeiro. «O ciclo superior de viño é dos que máis demanda ten, e o medio de Aceite de oliva e viños tamén», contan no centro ourensán. Aseguran que a maioría dos alumnos que chega a estes ciclos faino porque ten un especial interese na materia. «Non soe vir xente rebotada doutras titulacións nas que non entrou», argumentan.

O prazo para solicitar unha destas prazas está aberto ata o próximo 8 de xullo e, nalgúns centros, calculan que as reservas se incrementarán ao longo da próxima semana. Os futuros agricultores e gandeiros galegos tamén teñen que formarse.