Galicia, entre as comunidades con máis colexios con xornada continua

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

MARCOS CREO

Os pediatras valencianos avogan por clases de mañá e tarde e comida á unha

23 oct 2019 . Actualizado ás 18:42 h.

Cal é a mellor xornada escolar? Os pediatras da Comunidade Valenciana quixeron contestar a esta pregunta recorrente por parte das familias e chegaron a unha conclusión: a xornada partida (cun descanso amplo para comer) é a mellor opción; o que din conta co aval dos pediatras españois e o apoio das familias da Ceapa. A pesar disto, En España o 80 % dos colexios públicos de infantil e primaria só teñen clase de mañá e máis nada que en seis comunidades os colexios (é unha opción propia de centro) ofrecen maioritariamente a opción partida: País Vasco e Cataluña teñen xornada partida en todos os centros de primarias e algo menos en secundaria (75 % para os vascos e o 80 % dos cataláns) e en menor medida (do 65 ao 45 %) isto ocorre en Aragón, Madrid, Navarra e Comunidade Valenciana. No outro extremo, cunha xornada practicamente unánime só de mañá, están Canarias, Castela-A Mancha e Estremadura. No medio, o resto: Andalucía, Asturias, Baleares, Cantabria, Castela e León, A Rioxa e Murcia; Galicia está neste grupo onde entre o 70 e 90% dos colexios de primaria teñen clase regulada só de mañá. No caso da escola pública na comunidade galega, posiblemente rolde o 90 %, aínda que ás veces o centro está a expensas do horario do autobús. Pola súa banda, a escola concertada galega, máis urbana, aposta de forma abafadora pola xornada partida, aínda que empeza a haber centros que fan o cambio de modelo a partir de quinto de primaria, cando os deberes e as actividades extraescolares fose do centro xeneralízanse.

«Non hai ningún estudo de carácter científico que avale que unha alternativa é superior á outra»

A recente valoración dos pediatras valencianos asume que «non hai ningún estudo de carácter científico que avale que unha alternativa é superior á outra», pero a entidade analiza cinco aspectos: o biorritmo dos alumnos; a mellora que supoñen suficientes horas de soño; o comedor escolar como igualador da educación nutricional; a premisa de que os horarios de comida deben ser antes das 14 e as 21 horas para evitar o exceso de peso e a diabetes; e o inadecuado dos períodos prolongados de xaxún. Con todo iso, recomendan: atrasar ata as 8.30-9.00 a entrada en clase (especialmente para os adolescentes) e distribuír as materias asumindo que os picos de atención prodúcense a media mañá e en horario de tarde. A xornada perfecta, din, podería incluír a comida de 13 a 14 horas e rematar a actividade escolar ás 16.30.

«Alemaña volve á xornada partida con actividades extraescolares que seleccionan, organizan e contratan os colexios»

Rogelio Carballo, presidente da asociación de familias da escola pública Confapa (Ceapa en Galicia) considera que se fai principalmente por interese do profesorado e por utilidade meramente de conciliación das familias. Si que temos claro que o criterio ten que ser a pedagóxico, e compatible coa conciliación». E nese sentido, apunta un exemplo interesante: «Parécenos interesante que países como Alemaña estean desenvolvendo unha iniciativa a nivel nacional para volver á xornada partida, pero con actividades extraescolares que seleccionan, organizan e contratan os propios colexios, dentro do proxecto educativo, nada que ver cun ampa xestionando estes temas».

Máis horas no centro para garantir a equidad

A Fundación Jaume Bofill realizou un estudo sobre a xornada educativa e comparte cos pediatras valencianos que non hai unha evidencia científica en favor dun tipo de xornada fronte a outro e que os argumentos cronobiológicos non son concluíntes; ademais, chégase á conclusión de que a disposición das tardes libres non supón a adquisición de hábitos saudables. No traballo hase detectado que «a xornada continua é un factor agravante das desigualdades educativas e sociais», a compactación horaria «pode implicar riscos se non garante a accesibilidade a actividades e servizos complementarios» e, pola contra, unha ampliación do tempo educativo implica «melloras no rendemento escolar». A xornada continua é un modelo, explica o informe Ás tres en casa?, en retroceso en Europa e onde a hai compleméntase con actividades extraescolares (en Galicia, realizadas desde as ampas).

Un estudo realizado polo investigador Finley Edwards (da Universidade de Illinois) vinculaba o atraso dunha hora no inicio das clases con ata tres puntos porcentuais de mellora nos exames de Matemáticas e Lectura. Hai varias explicacións que poderían xustificar esta mellora: a partir dos 13 anos, e especialmente aos 14,5, os patróns hormonais dos mozos atrasan o inicio do soño nocturno, polo que se madrugan moito durmirán poucas horas; saír con présa de casa reduce as posibilidade de almorzo; e unha tarde sen colexio obriga a pasar máis tempo sos en casa (máis risco de distracción). De feito, esta investigación apunta que o impacto é maior entre o grupo que está na parte baixa do rendemento dunha clase.

QUE DI A LEI

Consello escolar. Ten que aprobar a xornada, sexa cal for.

Claustro. As tres quintas partes do profesorado ten que votar no mesmo sentido.

Transporte. En calquera caso debe haber un informe favorable e un plan específico de actividades extraescolares.

As familias, a clave. Gañará a xornada partida se con todo o anterior vota máis do 50?% a favor; para a continua necesítase, ademais do anterior, un maior apoio familiar, do 58?% mínimo.