O Goberno proponse adiantar o pagamento de bolsas catro meses

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO

EDUCACIÓN

XOAN A. ADOITAR

Uns 40.000 galegos reciben cada curso unha axuda do Ministerio de Educación, que contratou a 33 persoas de reforzo para a tramitación en Galicia

07 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Entre 60.000 e 70.000 estudantes galegos solicitarán este curso unha bolsa do Ministerio de Educación, segundo as previsións da Administración. A resolución deste ano trae dúas novidades: os prazos adiántanse e ademais, prevese un incremento do orzamento. O obxectivo de Educación é chegar a 17.000 bolseiros máis, tanto cunha axuda que antes non tiñan como incrementando as contías. En Galicia, máis de 40.000 estudantes obteñen unha bolsa cada ano.

Cando e onde hai que presentar a solicitude? A convocatoria hase adiantado esta vez algunhas semanas, co que o prazo de presentación está aberto desde o 1 de agosto e pechará o 1 de outubro para os niveis non universitarios e o día 15 para os estudos superiores. A solicitude preséntase a través dun formulario na páxina web do Ministerio de Educación. Hai que rexistrarse previamente na sede electrónica. En principio, non hai que achegar documentación, aínda que as unidades de tramitación poden requirila nalgún momento.

Cando a resolven? O Ministerio de Educación marcouse o obxectivo de adiantar uns catro meses o proceso, co que en principio, as bolsas deberían estar abonadas en marzo, segundo explica Manuel Regueiro, director da área da Alta Inspección de Educación en Galicia. Os estudantes denuncian de forma recorrente os atrasos no pagamento das axudas.

Para liquidalo, reforzaron o persoal que tramita as axudas. Este ano haberá 33 persoas de reforzo nas sete delegacións que reciben as solicitudes: once na delegación de Educación da Coruña, dez en Pontevedra, dous en Lugo e outras dúas en Ourense, dúas máis na Universidade da Coruña e outras dúas na de Vigo e catro na Universidade de Santiago. Comezarán a traballar o 1 de outubro e os seus contratos rematarán o 31 de xaneiro para os que traballan en niveis non universitarios e o 15 de febreiro para os que tramitan o ensino superior.

De que se compón a bolsa? De cinco elementos: unha contía fixa ligada á renda de 1.600 euros. Outra ligada á residencia de 1.500 euros (só para quen ten que vivir fose do domicilio familiar durante o curso), unha bolsa básica de 200 euros, unha contía ligada á excelencia (de entre 50 e 125 euros) e unha parte variable, que se calcula en función da renda familiar e a nota media do estudante. O ministerio pon a disposición do alumnado un simulador que calcula a cantidade que pode recibir por este concepto.

Que requisitos hai que cumprir? De dous tipos: económicos e académicos. Non se poden superar uns limiares de renda (que se poden consultar aquí) nin exceder unhas cantidades máximas de ganancias patrimoniais, valores catastrais e ingresos procedentes de actividades económicas.
En canto aos requisitos académicos, dependen do nivel educativo, pero marcan unha matrícula mínima e requisitos en canto a notas e superación de materias. Para os niveis universitarios por exemplo, hai que ter un 5 en selectividade e entre un 6 e un 6,50 no resto de cursos, dependendo da área de coñecemento da carreira, unha nota que sobe ao 7 no caso dos másteres. Tamén hai que superar un número mínimo de créditos cada ano. Os requisitos académicos pódense consultar aquí e aquí. As vítimas da violencia machista poden acceder á bolsa sen ter que cumprir os requisitos académicos de carga lectiva superada, nota media ou matrícula.

Que é a contía ligada á excelencia? Aquelas persoas que teñan expediente académico por amais dun 8 teñen dereito a entre 50 e 125 euros, dependendo da nota media que teñan obtido.

 Cantos cursos pódese ser bolseiro? Con carácter xeral, a duración disposta no plan de estudos. No caso dos ensinos superiores, dous anos máis para as enxeñerías e arquitectura e un ano máis para o resto de graos.