O 84% dos alumnos inscritos en segundo de bacharelato aproban o curso

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

La graduación de bachillerato es una fiesta en la mayor parte de los centros
A gradación de bacharelato é unha festa na maior parte dos centros MARCOS MÍGUEZ

No ano 2003 só superaron a etapa o 70% dos matriculados en segundo. Toda a información en  a guíade La Voz para saber que estudar despois do bacharelato

10 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Oito de cada dez alumnos de segundo de bacharelato saca o título no mesmo ano. A maior parte faino en xuño e despois accede directamente á selectividade. Fano mesmo aqueles que deixan de estudar ou que optan por unha formación allea á universidade (ensinos artísticos, de deseño ou de FP), pero dese xeito aproveitan e sacan a proba de ingreso aos graos, cuxo resultado duraralles toda a vida. 

Segundo os últimos datos dispoñibles polo Ministerio de Educación, no curso 2016/17 matriculáronse en segundo de bacharelato en Galicia 14.706 mozos. Destes, 12.329 aprobaron a etapa, aínda que non hai datos de cantos o superaron en xuño e cantos en setembro. Á selectividade presentáronse 12.542 entre as dúas convocatorias e aprobaron 10.987 (87% do total). Hai que ter en conta que o 70% dos estudantes de 2.º de bacharelato empezan o curso no seu ano, sen ter repetido (con 17) e hai un 14% está a repetir. Outros repetiron en anos anteriores. Tamén hai moitos que non chegaron a este punto, ben porque deixaron os estudos ou porque optaron pola FP: a taxa bruta de gradación (o número total de aprobados con respecto á poboación en idade teórica de cursar estes estudos) rolda o 63.

Na actualidade o nivel de aprobados é maior que noutras ocasións. Fronte ao 83,8% actual no curso 2015/16 non se chegou ao 80% e anos antes as taxas eran substancialmente inferiores: de case o 70% no 2002/03 e algo máis, de case o 74%, no 2010/11. Pode haber moitas razóns que xustifiquen este incremento dos aprobados: o auxe da FP, que absorbe a moitos daqueles alumnos aos que se lles atraganta o bacharelato; a rebaixa das esixencias polos cambios do currículo (canto máis teórico máis doado é de aprobar); e por suposto o afán dos estudantes por conseguir boa nota e aprobar en xuño, dadas as escasa oferta que teñen para as listas de setembro (que este ano por primeira vez adiantouse a xullo). De feito este ano deuse o caso insólito no IES Eduardo Pondal de Ponteceso houbo 18 alumnos con opción a matrícula, aínda que o centro non pode dar máis de dous; nesta promoción, o 87% dos estudantes aprobou o bacharelato en xuño.