Uns 450 nenos non obtiveron praza para comezar a educación infantil no colexio desexado

La Voz

EDUCACIÓN

EDUARDO PEREZ

Presentáronse 18.077 solicitudes e o 97,48% lograron a admisión no centro que era a súa primeira opción

13 abr 2019 . Actualizado ás 13:10 h.

Sólo o 2,52% dos alumnos que solicitaron praza para 4º de Educación Infantil -3 anos- en centros educativos galegos financiados pola Xunta quedou fóra do centro escollido como primeira opción para o próximo curso 2019/20. Son datos proporcionados pola Consellería de Educación.

Este ano presentáronse en Galicia 18.077 solicitudes, 471 menos que o curso anterior. A inmensa maioría delas -un 97,48%- lograron praza no colexio desexado. Os alumnos restantes, algo máis de 450, terán que ser escolarizados en un centro distinto ao que os seus pais elixiran como prioritario. Será a comisión de escolarización de cada zona a que asigne esas prazas, tendo en conta os seguintes centros de preferencia marcados na solicitude de admisión.

Por cidades, chama a atención que o 100% do alumnado que solicitou praza en Ferrol -428 nenos- entrará no centro elixido. No lado contrario, A Coruña ten a porcentaxe máis baixa. Só 93,64% das 1.825 solicitudes na urbe herculina lograron praza no colexio de preferencia.

En Vigo, a cidade onde se presentaron máis peticións, cun total de 2.127, a porcentaxe de nenos que poderán matricularse no centro que preferían é do 98,50%. Cifra similar rexístrase en Pontevedra, co 98,85% das 698 solicitudes logrando a escolarización no colexio de primeira opción.

En Compostela presentáronse 876 peticións, cunha asignación en centro de preferencia do 95,21%. En Ourense solicitáronse 820 prazas, cunha porcentaxe de éxito do 99,27%, mentres que en Lugo o 94,63% dos 764 solicitantes poderán matricularse no colexio que escolleron.