As mozas xa non queren bicar ras

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

EDUCACIÓN

MARTINA MISER

Estudiantes de Igualdade do IES Castro Alobre celebran San Valentín desmontando o amor romántico

14 feb 2019 . Actualizado ás 12:51 h.

A princesa fita á ra que ten na man. Non é raro que a mire con tanta atención. Ao fin e ao cabo, o sapo acababa de pedirlle un bico. A cambio, o bicho transformaríase nun príncipe. «ˇPrefiro un sapo que fala!», respóndelle por fin a rapaza, que é loura. Fala dende un dos carteis que forman parte da mostra San Valentín se, pero menos. Desmontando vos mitos do amor romántico que onte se inaugurou no vestíbulo do IES Castro Alobre. Detrás dos carteis que a compoñen está o estudiantado da materia de Igualdade, tanto do grupo de primeiro da ESO como do de primeiro de Bacharelato. Son, en total, cerca de sesenta persoas, o dobre do ano pasado, segundo nos conta a mestra, Paloma García.

No grupo co que falamos non atopamos a ninguén disposto a cumprir, hoxe, os rituais de San Valentín. «Se fose unha festa que representase a todos os tipos de amor, a calquera tipo de parella, non me importaría. Pero esta data representa a heteronormalidade, e uns modelos de relación que poden acabar sendo tóxicos, así que a verdade é que non me apetece nada celebrala», reflexiona en voz alta unha das alumnas de primeiro de Bacharelato. Chámase Helena e ten un discurso rotundo. «Ás veces, por falar destas cousas chámante radical», di ela cun sorriso, diríamos que de certo orgullo.

Pero é San Valentín, falemos de amor. «O amor romántico, tal e como nolo venden, está cheo de ideas que fan que as relacións acaben sendo malas». Fala un dos rapaces de primeiro de Primaria. Ten once ou doce anos, pero non comulga con vellos mitos como o de que cada quen ten que buscar a súa media laranxa para ter unha vida feliz. Porque cada persoa é unha laranxa enteira, que pode escoller parella nun froiteiro cheo de todo tipo de variedades. Ou non escoller nada e vivir tan feliz, como lle apuntou a Paloma García un dos seus alumnos.

O da media laranxa é un dos mitos dos que fala a exposición aberta no vestíbulo do instituto. Tamén se fala de celos, porque quen ben te quere non te pode facer chorar; porque son coma as matemáticas e «só traen problemas e resultados negativos». Dende os carteis advírtesenos de que o amor non ten que ser eterno; ao fin e ao cabo, o eterno «dura dous segundos». E por amor non hai que facer determinados sacrificios, atravesar determinadas liñas. E hai moitas rapazas que as seguen a cruzar, dinnos no instituto. «Coñecemos mozas que, ao ter mozo, deixan de saír coas súas amigas. Mesmo deixan de estudar e sacan peores notas, porque senten que teñen a obriga de saír todos os días co seu mozo», dinnos as rapazas. Os rapaces gardan silencio. Parece que non van con eles ese tipo de obrigas, inoculadas pola sociedade, polo discurso de Disney, polos prexuízos que mamamos dende que nacemos.

Diego, que está en primeiro de Primaria, ten claro que hai que rachar con todos eses tópicos. El aprendeuno ben pequeno, en Infantil, cando cada vez que escollía a cor morada a xente ao seu redor facíalle a burla, porque esa é, din, unha cor «de nena». Por iso, Diego matriculouse este ano en Igualdade, para armarse de argumentos cos que loitar, nun entorno hostil, contra o machismo que ten mil caras.