Alumnos do IES Montecelo farán bicicletas adaptadas para Amencer

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

EDUCACIÓN

AMENCER

O proxecto implica a estudantes de FP Básica e é o primeiro no que colaboran

09 dic 2018 . Actualizado ás 20:30 h.

O IES Montecelo de Pontevedra e a asociación provincial Amencer-Aspace, de familias de persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores, desenvolverán este curso o seu primeiro proxecto de colaboración. A iniciativa enmárcase dentro dos chamados proxectos de aprendizaxe e servizo, que realiza o centro educativo con alumnos que cursan FP Básica. O curso pasado participaron no xardín dos sentidos do centro de educación especial (CEE) de Príncipe Felipe .

O director do instituto, Miguel Carballa, explicou que serán estudantes do ciclo de FP Básica de Mantemento de vehículos, máis coñecido como Mecánica, os que participarán no proxecto con Amencer: «A cousa aínda está empezando, pero a idea é facerlles algún tipo de bicicleta adaptada». É unha iniciativa máis do equipo directivo do centro para pór en valor a FP Básica e educar en valores aos seus alumnos.

Pola súa banda, a xerente de Amencer, Mónica Touriño, sinalou que docentes e estudantes do IES Montecelo estiveron vendo o tipo de bicicletas que se utilizan no programa Rodando. «Queren adaptar ou facer algunha bici adaptada que tamén poida ser de utilidade para Amencer», comentou. Rodando é unha actividade de lecer inclusiva que Amencer, Discamino e Pedaladas impulsan desde hai máis de dous anos en Pontevedra grazas a un equipo de voluntarios. É un exemplo de inclusión real ao promover que nenos e adultos con necesidades especiais gocen do lecer e do deporte. Unha faceta que moitas veces cae no esquecemento porque as familias ven desbordadas e adoitan atender primeiro as necesidades de rehabilitación ou fisioterapia.

Touriño fixo fincapé en que a primeira fase do proxecto co IES Montecelo consistiu nunha toma de contacto dos alumnos do instituto con Amencer. É importante que coñezan, apuntou a xerente, o perfil de usuarios e as súas necesidades e o tipo de bicicletas adaptadas que hai.

O grupo de estudantes do IES Montecelo tamén participaron nunha actividade de Ponche no meu lugar. Levárona a cabo algúns usuarios do centro de día que Amencer ten en Campolongo no seu instituto para traballar a empatía. «A partir de agora terán que decidir que produto facer. Posiblemente farán algo de bicis adaptadas, que era a idea inicial que xa tiñan», indicou Touriño.

A colaboración entre o IES Montecelo e Amencer non é a primeira que mantén a asociación de familias de persoas con parálise cerebral con centros educativos. Unha das máis duradeiras no tempo foi a que uniu a Amencer co CIFP A Xunqueira, tamén de formación profesional. Foi unha relación estreita que se iniciou no 2004 e que se mantivo ata fai un par de anos. No 2014 un proxecto conxunto foi premiado pola Fundación Barrié dentro do programa educaBarrié. Consistía na adaptación de xoguetes e outros dispositivos por parte dos estudantes de todas as familias profesionais do instituto para os alumnos do centro de educación especial de Amencer. Lembrábao o profesor do CIFP A Xunqueira Manuel Pérez. «Foi algo moi interesante, tanto a nivel de colaboración como de educación en valores. O último traballo que fixemos foi un xogo de birlos e a partir de aí, moi ao meu pesar, acabouse a colaboración por decisión do director do centro», afirmou.