«Son universitario e dóeme a potencial perda de credibilidade da universidade»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

EDUCACIÓN

Sandra Alonso

En conxunto, «podemos concluír que estamos ante un inicio de curso francamente tranquilo»

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un inicio de curso tranquilo. Así define o conselleiro de Educación, Román Rodríguez (Lalín, 1968), a incorporación estes días ás aulas, que porén non estiveron exentas de polémicas.

-Feijoo definía estes días o arranque do curso como o máis exitoso dende que é presidente. Dimitiu a dirección do IES de Brión, hai unha folga na Escola Superior de Arte Dramática e protestas nos colexios de Santiso e Santa Comba. Malia todo, é exitoso?

-Hai que medir as cousas na súa escala. Que existan dous, tres, ata dez casos que poidan xerar algúns problemas, se o comparamos co conxunto do sistema, podemos concluír que estamos claramente ante un inicio de curso francamente tranquilo. Iso si, hai algún caso concreto que hai que ir axustando e que haberá que ir avaliando, e tomar decisións para manter a postura ou para modificala. A escala do sistema é tan grande que a existencia dun número concreto de casos non pode embazar o conxunto do sistema en toda Galicia.

-O curso académico e político vén marcado polo mesmo asunto: o escándalo dos másteres e a polémica da tese de Pedro Sánchez. Hai unha crise de credibilidade na universidade española?

-Eu son universitario, e a min dóeme moito a perda de credibilidade neste caso da universidade, que a sociedade poida entender que a universidade é un lugar como estamos vendo nalgún sitio. Isto en Galicia estou seguro de que non pasou, nin pasa nin pasará, porque as universidades galegas teñen uns sistemas de control absolutamente eficientes. O peor de todo isto é que o esforzo, a motivación, o traballo, a dedicación dun alumno e da súa familia se vexan menosprezadas, e creo que o principal problema disto é a potencial perda de credibilidade da universidade, o cal é grave. Eu quero dicir que a inmensa maioría das universidades fan ben o seu traballo, e estas noticias puntuais prexudican a imaxe xeral dunha institución tan importante para o avance dun país.

-Outra das polémicas é o caso de acosos de Narón, cunha sentenza que acredita as vexacións.

-Os feitos que levaron á existencia dunha sentenza sitúanse en 1.º da ESO e inicios de 2.º. Ata onde nós sabemos, en 3.º e 4.º reducíronse, ou polo menos non hai constancia no centro educativo nin nos servizos de inspección. O que si formulou o centro educativo é abrir o protocolo de acoso escolar para facer prevención, e hai unha orde tallante de que se extreme absolutamente a precaución, de que haxa un seguimento máximo co obxectivo de protexer sempre ao menor acosado dos seus hipotéticos acosadores. No caso hipotético de que xurda algún indicio de que se reproducen ese tipo de comportamentos, actuarase coa máxima dilixencia e coa máxima contundencia. Pero insisto, non se poden tomar decisións arbitrarias e temos que ser moi respectuosos. Estamos falando de menores.

-As prazas desertas levaron ao Goberno a valorar cambiar o sistema de oposicións. Falla?

-Non creo que falle o sistema. En Galicia hai uns 130 tribunais que son autónomos e soberanos. Dende logo, dende a consellería non hai ningún tipo de indicación para que aproben un maior ou menor número de opositores. Si que todos os sistemas son mellorables. Se se fai unha modificación ten que ser consensuada coas comunidades e cos actores educativos. O importante é que sexa xusta e que teña mecanismos que posibiliten decidir quen aproba. E eses mecanismos neste momento fanos os tribunais.

-Tamén houbo protestas polas materias afíns. Hai que regulalo?

-Entendemos que é máis positivo que, mellor que a Administración lle diga ao profesor cal é a súa afín, sexa o docente quen nos diga para qué materias está capacitado. Ás veces fálase de que se reduce a calidade do ensino; creo que iso está ben na teoría, pero despois os datos na práctica contradín ese discurso. Todos os anos melloramos en calidade educativa.

-As familias teñen expresado a súa inquedanza por como se vai reformar a Lomce.

-O Goberno do Estado está nunha situación de deriva no eido educativo. Dígoo porque había un gran consenso por lograr un pacto educativo e no seu momento o PSOE saíu deste pacto. Unha vez que chegou ao Goberno enterrouno practicamente e por motivos de pura estratexia política. Agora o que quere é facer modificacións de xeito unilateral, ás veces mesmo sen contar coas comunidades. Eu pediría altura de miras, que se enterrase a visión puramente ideolóxica e que se siga apostando por un pacto educativo, que é un dos grandes déficits da España democrática.

-Haberá unha selectividade única?

-O acceso á universidade ten unha disfunción que xera desigualdade: para acceder a diferentes carreiras hai distrito único, pero a proba é diferente nas comunidades. As que temos mellores resultados en PISA e en calquera indicador educativo en selectividade estamos por debaixo doutras que, segundo os informes, teñen menor coñecemento e destrezas. A selectividade común parécenos que é unha medida que se pode facer sen demasiada complexidade.

-Aumentan tamén os centros plurilingües. Os datos confirman unha mellora no nivel de inglés?

-Este ano, por primeira vez, fixemos as certificacións dos niveis aos nosos alumnos e unha institución como o Trinity College fixo as probas. Aprobou unha porcentaxe altísima e nalgúns casos quedaron sorprendidos do alto nivel, e incluso querían repetir algunhas probas. Ese é o mellor indicador que hai; pode parecer anecdótico, pero é un grande indicador. E o outro grande indicador é a nota media que están sacando os nosos alumnos na selectividade, que se incrementou nun punto nos últimos anos. E o máis importante é que o implantamos en todos os niveis educativos e en calquera parte do territorio. Iso permite xerar unha equidade en todos os mozos.

«Galicia estará aí se hai un risco serio para o patrimonio cultural do Centro de Buenos Aires»

Esta semana pechou ao público o pórtico da Gloria no medio do debate sobre se hai que cobrar pola visita.

-Hai un debate interesante onde todos teñen un pouco de razón. Non é unha cuestión de que se faga con ánimo de lucro, faise porque hai que ser conscientes de que manter un espazo como o Pórtico ten un custo importante. O realmente interesante será ver como se poden consensuar ou buscar puntos de encontro, entre ambas opinións, e como se pode favorecer que colectivos específicos teñan accesos superreducidos, como escolares e peregrinos. E logo a visita ten un valor engadido, porque é con guía especializado.

-Por primeira vez clausurouse o cuarto onde morreu Castelao no Centro Gallego de Buenos Aires. Hai que recuperar o patrimonio alí gardado?

-Estamos expectantes. A clausura foi antes da elección da nova directiva. Insisto. Estamos expectantes. Cremos no que se ten dito polos galegos de alí, que din que queren manter e seguir xestionando o seu legado bibliográfico e artístico. Se hai unha ameaza seria de risco para ese patrimonio cultural, Galicia estará aí para adoptar as medidas que haxa que adoptar, pero sempre respectando a vontade dos galegos emigrantes. Porque non podemos expropiar a súa vontade.

«Ningún decreto pode regular o uso relacional e afectivo da lingua»

O nivel de inglés mellora, pero o número de rapaces galegofalantes cae. Hai quen establece unha causalidade entre o decreto do plurilingüismo e esta caída.

-O decreto cumpre co seu cometido, que é garantir un ensino en igualdade e garantir un coñecemento. Nunca houbo tanto coñecemento do galego. Agora, o decreto non regula o uso social, o uso afectivo, o uso relacional da lingua. Iso non o pode facer ningún decreto, porque estariamos nas peores novelas de George Orwell. Cada parte dun sistema ten as súas responsabilidades, e neste caso o sistema educativo cumpre coa súa función, que é garantir o coñecemento da lingua en igualdade e en liberdade. O que temos que facer é gañar falantes dende o afecto, que sexamos capaces de entender que é unha lingua propia que tamén nos dá moitas oportunidades.