José Manuel Vilasuso: «Ao ano producimos taboleiros que cobren a distancia de Betanzos a Nova Zelandia»

Sofía Vázquez
Sofía Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA INNOVA

MARCOS MÍGUEZ

O director xeral de Betanzos HB defende que o eucalipto é clave para a economía de Galicia

25 oct 2021 . Actualizado ás 14:08 h.

Marino mercante de formación, director de fábrica de profesión, deportista nos seus intres libres (baloncesto con amigos de sempre, sendeirismo ou pesca) e pai dun pequeno para o que fai todas as horas extras que fagan falta. José Manuel Vilasuso Pita (Xermade, 1974) é director xeneral de Betanzos HB.

—Esta empresa ten historia.... Foi constituída o 11 de decembro do 2014. Pero iso en teoría.

—Naceu en 1975, da man de Tafisa. A finais dos 90 fíxose Sonae con ela, e no 2014 os nosos dous accionistas franceses (HB Consult e Holding HTP) compráronlle a súa participación. O grupo portugués estaba a intentar desprenderse deste activo industrial. Estaba abandonado. Os nosos socios galos teñen outras fábricas do mesmo produto en Francia e coñecían esta. Valorárona pola súa eficiencia, situación e porque complementaba as súas de Francia (eles utilizan castaño e piñeiro para fabricar o taboleiro e nós, eucalipto) Estes señores coñecen o mercado desde hai máis de 40 anos. Adquirírona co compromiso de que seguise sendo unha peme galega, manter o persoal e que eles se encargaban de enchela de pedidos e de realizar os investimentos necesarios para gañar competitividade e eficiencia.

—Como se reparte o capital?

—Os holdings franceses teñen o 80 % do capital e desde o 2021 participamos outras dúas persoas: eu como director xeneral e Paulo Malho, axente comercial, que dispón doutro 10 %. Consideramos que o proxecto ten sentido e futuro. O cambio de ciclo da economía mundial está a facernos ver as cousas máis verdes. E o noso produto encaixa nesta mentalidade. Hai unha vintena de instalacións no mundo que fabrican taboleiro de alta densidade. E moitas están a pechar pola falta de investimento e adecuación para cumprir a normativa ambiental. A fabricación de taboleiro ten un 2 % de nicho de mercado, e esa demanda crecerá. Outros fabricantes de taboleiro, que son grandes e veciños nosos, como Finsa, fabrican un taboleiro diferente: de partículas, de media densidade... Nós para fabricar unha tonelada de taboleiro necesitamos 2,5 de madeira. O 50 % é auga. Nós ao día xestionamos 300 ou 400 metros cúbicos de auga. Temos que ter unhas plantas de evaporación e tratamento moi considerables. 

—De onde sacan a auga?

—Da propia madeira. A nosa fabricación só utiliza madeira. Non engadimos ningunha cola artificial para facer que o taboleiro se forme. Somos 100 % ecolóxicos: material sostible e reciclable, e non emite formaldehídos, unhas sustancias cancerígenas que están prohibidas en moitos países. Estamos convencidos de que esta fábrica ten futuro. Falamos de 20 instalacións similares en Europa, pero de taboleiros de eucalipto só hai tres máis no mundo: Tailandia, Arxentina e Brasil.

—Que diferenza hai entre un taboleiro elaborado con eucalipto e outra dunha madeira máis robusta?

—Sempre se considerou que en Galicia as madeiras nobres eran o carballo, o castiñeiro, o piñeiro (aínda que non tanto)... E o eucalipto era considerado como madeira que non pertencía á nosa contorna. O que moita xente non sabe é que a súa madeira é das máis resistentes. Permite elaborar o taboleiro de maior densidade do mercado. Un metro cúbico do noso taboleiro sempre pesa máis de mil quilos, e un da competencia pode estar en 600. Traballamos para infinidade de sectores: mobles, automóbiles, compoñentes, tacóns de zapatos, separadores no sector de alimentación. O noso principal cliente en Sudáfrica é un embotellador. Chegamos ao mercado australiano, ao de Nova Zelandia, e a EE.UU., países nos que estamos a crecer porque non queren formaldehídos.

—As súas exportacións chegan a...

—O 80 % da nosa facturación correspóndese con exportacións. Só o 20 % queda en Iberia (España e Portugal), e Europa representa o 10 %. Cubrimos África de norte a sur, Israel, América do sur e central. Temos presenza a nivel global.

—E o transporte?

—En camión e barco.

—Pero agora hai graves problemas con frételos.

—Si, moi serios. Desde final do ano pasado os prezos disparáronse un 200 %. Hai que reservar colectores con previsión de meses, e adaptamos a fábrica a esas necesidades. A pesar de todo, os clientes seguen mantendo o seu volume de negocio. Saben que a conxuntura nos condiciona a todos.

—Falemos do seu plan de investimentos e de crecemento.

—Si, temos en marcha un investimento de 8,5 millóns de euros nunha caldeira coa que poderemos substituír ás dúas que temos agora e ao quemador. Permitiranos gañar moitas horas de fabricación. O seguinte paso será a renovación completa da prensa -o corazón da fábrica-, que suporá 1,5 millóns de euros de investimento. Chegaremos ao 2025 cunha facturación de 30 millóns, gañando eficiencia e competitividade.

—Cal é o nivel de produción?

—Fabricamos ao ano entre 60.000 e 70.000 metros cúbicos de taboleiro.

—Equivalente a...

—Uns 21.000 quilómetros lineais de taboleiro ao ano, que sería como cubrir a distancia entre Betanzos e Nova Zelandia, onde están os nosos clientes máis afastados ou catro veces a distancia entre Betanzos e Nova York. En superficie, a equivalente a 4.000 campos de fútbol.

—O eucalipto é unha especie mala, invasora, devastadora...

—Este recurso ben xestionado é compatible coas especies autóctonas. Galicia é unha das poucas zonas verdes que quedan en España. Portugal é un gran demandante de madeira galega. Ten importantes papeleiras que levan entre un 40 e un 50 % da materia prima galega. Ence é gran compradora. Finsa tamén ten a súa madeira. O eucalipto é unha especie necesaria e moi importante para a economía galega e o que hai que facer é regulalo e xestionalo ben. Hai fábricas que utilizan madeira para xerar enerxía e iso si que non o vexo lóxico. Tampouco que se utilice este importante recurso forestal para que o valor engadido lévenllo outros países.