Tres proxectos biotecnológicos galegos moverán un investimento de 445 millóns

ECONOMÍA

cedida

A Xunta avala as iniciativas tractoras para optar ao fondo Next Generation

22 ene 2021 . Actualizado ás 22:57 h.

A investigación farmacéutica, a produción dunha nova vacina contra o covid-19 e o desenvolvemento de varias patentes vinculadas ao sector cervexeiro. Estes son os ámbitos nos que se encadran tres dos proxectos estratéxicos do sector da biotecnoloxía que seleccionou o Goberno galego para optar aos fondos europeos Next Generation, e que conxuntamente moverán un investimento da orde de 445 millóns de euros.

O Foro Next Generation, reunido este venres na Cidade da Cultura, en Santiago, analizou os proxectos empresariais abandeirados desde Galicia no campo da industria da biotecnoloxía. A sesión contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, así como do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, á parte do responsable de Sanidade, Julio García Comesaña.

O xefe do Executivo autonómico puxo de relevo que se trata de proxectos que dunha «importancia económica que fala por si soa», e que transcende mesmo a relevancia que poden ter a nivel económico, en tanto que «falan de saúde, de alimentación, de novas formas de agricultura», remarcou Feijoo.

Galicia aspirar a mobilizar un investimento global de 9.400 millóns de euros cos 108 proxectos tractores e estratéxicos concibidos para optar ás liñas de financiamento público habilitadas no seo da Unión Europea tras a crise do coronavirus. Entre eles figuran tres proxectos asociados á industria biotecnológica, un sector en desenvolvemento en Galicia, que crece a un ritmo do 10 % cada ano e que está formado un centenar de empresas e nove centros biotecnológicos. Facturan 400 millóns ao ano e xeran 3.700 empregos.

A aposta da Administración galega consiste en converter as achegas dos fondos europeos, aínda sen decidir, no carburante que permita mover un investimento lixeiramente superior aos 445 millóns en tres proxectos.

A primeira das iniciativas biotecnológicas, xa esbozada en semanas pasadas, é a que pivota en torno ao grupo farmacéutico Zendal, con sede no Porriño., dirixida a aumentar a súa capacidade de produción e distribución mundial de vacinas. O seu proxecto tractor, valorado en 111 millóns de euros, consiste na construción de dúas novas plantas para a fabricación da vacina contra o covid-19, co que se propón produción ata 800 millóns de doses ao ano.

De igual modo, Zendal pretende desenvolver con este financiamento a fase 3 dun novo antídoto contra a tuberculose, así como a construción doutra planta no Porriño para producila. O proxecto complétase co levantamento doutro centro de alta tecnoloxía que servirá de base loxística do grupo.

Entre os proxectos seleccionados tamén destaca, por volume de investimento, outro vinculado ao grupo que produce a cervexa Estrella Galicia. Consiste na creación dun centro produtivo para aplicar, sinala a Xunta nun comunicado, «ferramentas innovadoras e poder desenvolver novas solucións no eido alimentario». Trátase de desenvolver cinco patentes de novos produtos da compaña vinculados con produtos «disruptores» de comercialización rápida, iniciativa que moverá un investimento de 256,2 millóns de euros.

O terceiro dos proxectos biotecnológicos tamén está vinculado á industria farmacéutica. Trátase dunha incubadora da Fundación Kaertor que, entre outros aspectos, ofrece soporte para desenvolver novos fármacos en fase preclínica ou en fases avanzadas, e que ao mesmo tempo mellora os mecanismos para a compra pública de novos medicamentos ou para a captación de capital. Nesta iniciativa participan sete comunidades autónomas lideradas por Galicia, e con ela agárdase mover un investimento «de 78,5 millóns de euros», precisou Feijoo, dando así continuidade ao proceso de incubación desenvolvido na aceleradora I2D2.

Aínda hai dúas iniciativas máis que complementan as anteriores, como o impulso á rede galega de hubs ou espazos de innovación dixital, por valor de 60 millóns, ou a proposta de Sanidade para crear un centro de fabricación de medicamentos CAR-T de terapias avanzadas.