Ferrolterra non interesa?

ECONOMÍA

JOSE PARDO

19 ene 2021 . Actualizado ás 20:38 h.

Nunha tormenta perfecta a Ferrolterra e, en xeral, ao norte galego, caen paus por todas partes. Aínda que sexa moi difícil, agora aquí toca abstraerse do covid. Imos deixar a pandemia fóra da mesa uns momentos. E imos lembrar que a situación en febreiro do 2020 xa era de berro de auxilio. Unha potente zona empresarial, anella e sabia na realización das súas tarefas (barcos, carbón, Armada...) suma puñaladas e puñaladas de desmantelamento industrial. Endesa non vai seguir coa planta das Pontes, a planta da vila mineira (que se chama así por algo). Alcoa está como está. En Gamesa, estandarte do bo facer eólico, fíxose mutis, e sófreno máis de duascentas familias de forma directa. Moitas máis de xeito indirecto. Desde o sector naval están fartos de dicir que se esgota a faena. Que nos estaleiros non vai quedar nada durante dous anos longos... E isto é só o groso. As grandes hemorraxias. Porque de pequenas feridas laborais, de pequenos e medianos peches, está cribada a pel produtiva da zona.

Non interesa Ferrolterra? Son poucos votos nos grandes recontos? Hai plan B? Cal é a alternativa? A día de hoxe, ningunha. Triste. Pero certo. No medio dunha situación de urxencia sanitaria mírase para outro lado ante unha urxencia máxima de carácter laboral. Teno que saber ben a ministra de Traballo, que é de Ferrol... Pero non é algo novo. Ningún Goberno estivo nin está á altura das circunstancias. E Ferrolterra xa sobrevive exhausta. Non hai escusa. Tanto o Goberno central como o galego, da man da iniciativa privada, teñen que dar solucións. Non problemas. O tan traído e levado know how está demostrado. Capacitación, sobra. E as reconversións? non serviron de nada. Hai que enfrontar a situación. E remediala. Sen vender fume. É o xusto.