Quioscos e panaderías poderán abrir o Venres Santo

ECONOMÍA

O peche por descanso decretado pola Xunta exclúe tamén a gasolineiras

09 abr 2020 . Actualizado ás 21:22 h.

Mañá haberá pan fresco e roscones de Pascua á venda en todas as panaderías e pastelerías de Galicia. Así o aclarou a Xunta, despois da confusión xerada pola orde de peche dos establecementos de alimentación aprobada no Consello da Xunta e publicada no Diario Oficial de Galicia de onte. A propia Dirección Xeral de Comercio da Xunta está comunicando esta aclaración a través das redes sociais, despois das dúbidas manifestadas polas asociacións de panadeiros. Explica que a declaración do día 10 como non hábil exclúe aos establecementos dedicados á venda de produtos de panadería, pastelería, repostería, churrería e pratos combinados.

Tamén poderán abrir os quioscos para a venda de prensa e as denominadas tendas de conveniencia (as tendas 24 horas); ademais das gasolineiras, os estancos e os establecementos de alimentación e produtos de primeira necesidade que sexan pemes e cuxa superficie sexa de ata 300 metros cadrados. Quen non abren? Segundo a orde do Consello da Xunta, mañá permanecerán pechados para descanso do persoal todos as superficies dedicadas á venda polo miúdo de alimentación e bens de primeira necesidade, unha medida pensada fundamentalmente para os traballadores dos supermercados.