Pagaría uns 200 millóns polo 52 % das accións á venda de Sabadell, Caixabank, Bank of América e Brookfield

M. Sío Dopeso
Redactora

En Pescanova nunca se deixou de falar galego. Nin sequera cando no ano 2015 os grandes acredores financeiros refundaron a compaña, e converteron débeda en accións dunha empresa á que chamaron Nova Pescanova.

Daquel pool de bancos (Sabadell, Caixabank, Abanca, BBVA, Santander, Bankia e UBI) xa só quedan no accionariado Sabadell, Caixabank e Abanca e só un deles, a entidade que preside Juan Carlos Escotet, con intención de permanencia e cunha aposta forte por ir avanzando posicións no capital do maior grupo pesqueiro de España.

Nos dous últimos anos, Abanca fixo uso do seu dereito de adquisición preferente de accións para reforzar a súa posición inicial (5,4 %) ata o 40,66 % mediante sucesivas compras de pequenas participacións.

A operación que a entidade ten agora entre mans é moito máis ambiciosa. Tanto que, de consolidarse, suporá a compra de facto de Nova Pescanova.

O que Abanca puxo sobre a mesa é unha oferta de compra por un 52 % de accións colocadas no mercado por Sabadell (o 24,5 %), Caixabank (15,3 %), Bank of America (9 %) e o fondo de investimento Brookfield (4 %).

Fuentes financeiras cifran na contorna de 200 millóns de euros a última suma que o banco galego tería presentado aos vendedores, despois dunha primeira proposta que foi desestimada tras considerala innegociable.

Oferta insatisfactoria

Estas fontes aseguran que esta nova cifra non resultou satisfactoria para a parte vendedora, que negocia de forma agrupada. Con todo, esta vez si aceptaron estudar a oferta, e as mesmas fontes afirman ter constancia da existencia de negociacións; mesmo avanzadas, segundo outras fontes do mercado financeiro, que sitúan a pelota no tellado de Abanca, xa que correspondería agora á entidade achegar as garantías que avalen a operación.

Con este 52 %, Abanca pasaría a facerse co 93 % de Nova Pescanova e reconquistaría a galeguidade perdida polo grupo pesqueiro, como consecuencia do seu rescate financeiro, tras a saída do concurso de acredores ao que foi abocado polos responsables da vella Pescanova, que estes días se sintan no banco dos acusados da Audiencia Nacional, para dar contas da súa xestión, que acabou cun buraco de 3.600 millóns de euros.

Se se materializa a compra, Abanca porase a cargo de un xigante pesqueiro que acadou nova marca de vendas no 2019 (a cifra, por confirmar, supera os 1.100 millóns de negocio), e que acaba de esgotar un plan estratéxico (2016-2019) que se cumpriu só parcialmente xa que a facturación non se incrementou un 50 % e o ebitda actual de 75 millóns, está lonxe dos 125 previstos. 

Novo consello

Desde a pesqueira contan que xa está en marcha un novo plan estratéxico, con Abanca á fronte (de momento co seu 40 % actual). As incógnitas que se abren agora céntranse en quen se ocupará de executalo, xa que a nova posición do banco galego, co 93 % do capital, implicaría cambios no consello de administración, no que agora senta a dous representantes, e, segundo fontes financeiras, a probable substitución na presidencia que nos últimos cinco anos ocupou Jacobo González Robatto.

«Non hai as plusvalías agardadas e os bancos vanse»

Cando o pool de bancos decidiu capitalizar a súa débeda en Pescanova fíxoo coa intención lóxica de recuperar o seu diñeiro (2.000 millóns de euros). O plan estratéxico así o prevía. Pero as plusvalías agardadas non chegaron. É máis, o grupo rescatado, que deu os seus primeiros beneficios no 2017, acabou o 2019 con inesperadas perdas que fontes financeiras cifran entre 40 e 50 millóns (están a pecharse as contas), por mor da forte caída do prezo do gambón arxentino, debido ao exceso de oferta de produto, porque non existe un límite de capturas; pero tamén polas taxas á exportación impostas por Arxentina co gallo de a crise que vive o país. 

Isto, sumado a unha menor demanda de gambón e outros produtos por parte de China explican os resultados que acabaron por desencadear a saída do capital do Sabadell, unha entidade que tivo un protagonismo vital no rescate do grupo pesqueiro; e de Caixabank.

Este atraso nos beneficios agardados tamén explicaría a negociación aberta para desprenderse da participación en Nova Pescanova a un prezo insatisfactorio para os vendedores. «Non hai plusvalías, pero o que non queren os bancos é pór máis diñeiro», explican fontes financeiras.

Nova Pescanova é viable e dará beneficios, niso coinciden todos os analistas Por que non seguir agardando como ata agora? Estas fontes atribúen a decisión de vender dos bancos ao novo cambio da normativa contable do Banco Central Europeo (BCE) que obriga ás entidades financeiras a facer un maior esforzo nos requisitos de solvencia e a seguir provisionando. «Aínda que a venda non depare ganancias, trátase de non pór máis diñeiro», insisten. A pregunta obvia é Por que Abanca si está disposta á investir máis e a agardar máis tempo polos ansiados beneficios? A entidade garda silencio sobre a operación, pero o propio Escotet, manifestou en máis dunha ocasión que a intención do banco é seguir apostando polo negocio pesqueiro no futuro.

Mostra do apoio do banco galego á pesqueira é o financiamento da construción de catro barcos da compaña para Mozambique, e tres máis para Namibia (todos eles adxudicados a Estaleiros Armón en Galicia).