Un sensor no rabo e xa saben cando parirá a vaca

Sofía Vázquez
sofía vázquez REDACCIÓN

ECONOMÍA

María Pedreda

O aparello, que rolda os 400 euros, foi ideado pola empresa Moocall

28 oct 2021 . Actualizado ás 19:37 h.

Se non o vexo, non o creo. E vino nun vídeo informativo no que se pon de manifesto a gran preocupación dos gandeiros cada vez que unha das vacas da súa cabana ponse de parto. Pode ir todo como unha seda, pero tamén complicarse ata tal punto que o fracaso do ansiado nacemento do tenreiro sexa fatal, repercutindo de forma emocional e financeira sobre o produtor. Ante esta necesidade detectada no mercado, uns técnicos irlandeses pensaron en crear un aparello que fose alcanzable e reducise significativamente a mortaldade dos animais. Así o explica Emmet Savage, fundador e CEO de Moocall, a compaña que ideou sensor (como o da ilustración desta crónica) que se coloca no rabo da vaca e recolle centos de datos por segundo. Deste xeito, o aparello - non invasivo- pode prever con gran precisión cando dará a luz a res, medindo os patróns do movemento do rabo provocados polas contraccións do parto. Cando estas acadan certo nivel de intensidade e repítense durante un determinado período de tempo, o sensor, que recibiu todos os datos que son analizados por un algoritmo, envía un aviso mediante SMS ao número de teléfono móbil do gandeiro -e este a o veterinario-. O aviso darase aproximadamente unha hora antes do parto. As características do sensor son as seguintes;

1.- Funciona en calquera lugar do mundo con sinal GPS.

2.- Non precisa hardware adicional.

 3.- Envía correos ata a tres direccións de e-mail .

4.- Envía textos ata a dous móbiles.

5.- O aparello é axustable a calquera tamaño de vaca e pódese utilizar en reses de calquera raza

6.- Despois do parto, o sensor colócaselle, no seu caso, á seguinte vaca que estea próxima ao parto. Cambialo de vaca a vaca din os impulsores deste sistema que é moi sinxelo: simplemente hai que desabrocharlo e colocarllo á seguinte que estea a piques de parir. Aseguran os seus comercializadores e deseñadores que cunha boa organización, un só sensor será suficiente para un rabaño de trinta vacas.

Moocall ten neste proxecto de socio tecnolóxico a Vodafone , que lle dá a capacidade da itinerancia e a posibilidade de implantación da ferramenta en ganderías de todo o mundo. Emmet Savage destaca como dato positivo a calidade de vida que gañarán os granxeiros, xa que se non están na explotación se xorde algunha complicación poden pedir axuda.

Un dispositivo Moocall dá acceso a un My Moocall, onde o produtor poderá xestionar (cambiar, por exemplo) os números de teléfono asociados, ver os niveis de batería e consultar o historial dos avisos recibidos. Pode tamén descargar a App Moocall, que é gratuíta.

De acordo coa información comercial, o prezo do sensor rolda os 400 euros e inclúe 12 meses de utilización do software. A partir dese momento hai que abonar unha tarifa duns 150 euros.