Cara e cruz da subida do salario mínimo

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

Eduardo Parra | Europa Press

Os datos desmenten a caída do emprego prognosticada coa alza do 22 %, que si axudou a precarizar e minguar a afiliación en sectores vulnerables, como o agrario ou o traballo doméstico

24 ene 2020 . Actualizado ás 10:32 h.

Os datos dispoñibles desmenten as previsións apocalípticas que falaban dunha destrución masiva do emprego co aumento do 22 % do salario mínimo interprofesional (SMI). Outra cuestión ben distinta é que a subida teña retardado a creación de postos de traballo, algo, en calquera caso, moi difícil de cuantificar. A comezos do 2019, cando entrou en vigor o incremento, Galicia contabilizaba 990.810 afiliados á Seguridade Social, cifra que se situou ao final do exercicio en 1.007.732. Esa é a cara, resultado dunha visión xeral. Pero unha análise máis detallada dos números mostra a outra cara da moeda. E reflicte unha realidade incontestable: a alza si prexudicou aos sectores máis vulnerables. Entre xaneiro e decembro do 2019, en Galicia perderon cotizantes o réxime agrario (200 menos), o especial de empregados do fogar (667) e o de autónomos (383).

Máis precariedade?

O incremento do 5 % aprobado este mércores, que elevará o SMI a 950 euros en 14 pagas e que a diferenza do anterior é froito dun pacto entre a patronal e os sindicatos, non presaxia, segundo os economistas consultados, unha destrución de emprego. Como non se produciu co incremento anterior, moito maior. Pero si afectará ás microempresas e os autónomos, e aos sectores que xa viñan sufrindo por este motivo. «O máis negativo é que estes incrementos supoñen unha incentivación do que, finamente, poderiamos chamar malas praxes laborais. É unha mágoa que a anterior subida, catro veces superior, non teña contado cunha análise sosegada destas cuestións por parte do ministerio», apunta o economista e profesor Patricio Sánchez.

En Galicia, no limiar dos 900 euros, atópase un 8 % dos asalariados, polo que a medida aprobada esta semana beneficiará, aproximadamente, a unhas 83.000 persoas, partindo da base de que conservarán o seu posto de traballo. Ao efecto positivo de maior renda e maior capacidade de gasto -e, en consecuencia, de consumo-, hai que engadir a outra realidade: un incremento dos custos empresariais, cuxo efecto está por ver. Polo momento, a subida do 5 % no SMI suporá que a base de cotización mínima pasará a 1.008 euros, o que supón un incremento de 58 euros mensuais. Un aumento do gasto que, previsiblemente, terá unha incidencia maior en lad microempresas.

«Isto non só vai frear a creación de emprego, senón que o destruirá nalgúns sectores, máxime nun contexto de desaceleración», apunta Roberto Pereira, presidente do Club Financeiro de Santiago. O profesor da Universidade de Vigo, Alberto Vaqueiro, fai outro diagnóstico. «O efecto será moito menor que o do anterior incremento, e concentrarase en actividades de escasa produtividade e temporais», prognostica. Ao impacto da subida do SMI en función do tamaño da empresa súmase outro problema. O distinto efecto en función dos territorios, con mercados laborais e salarios distintos, algo que está pendente de estudarse en profundidade por parte do Goberno central. Non é o mesmo a subida do SMI en Estremadura, Andalucía ou mesmo Galicia, que en Madrid, Navarra ou o País Vasco, con mercados de traballo moito máis dinámicos.

«A análise territorial é un elemento determinante: en liñas xerais, pode dicirse que haberá un efecto positivo, pero hai colectivos da España baleirada, mozos menos cualificados e maiores descapitalizados, que poden ser os grandes prexudicados e rematar abocados ao paro, ao atoparse con enormes dificultades para atopar ocupación; resulta paradoxal porque eses son parte dos potenciais beneficiarios da medida, e ao final igual acaba conseguíndose o contrario do que se pretende », sostén o profesor e economista Venancio Salcines.

Ao factor territorial, hai que engadir o diferente impacto en función da idade do traballador, asunto que si analizou un documento elaborado por técnicos do Banco de España, que conclúe que a subida do SMI pode beneficiar á maioría dos máis novos, con proxección e percorrido na súa empresas e, en cambio, ser moi prexudicial para os empregados por amais dos 55 anos, e que se atopen xusto nesa franxa de ingresos, é dicir, nos 900 euros.

Segundo un estudo de Comisións Obreiros, dos potenciais beneficiarios da subida a 950 euros, un 30 % son mozos menores de 25 anos, e o resto concéntranse entre os 25 e os 54 anos. O incremento tamén ten unha lectura de xénero, tal e como reflicte ese traballo: seis de cada dez novos beneficiarios son mulleres. Miguel Vázquez Taín, profesor da USC, considera moi positivo o pacto cos axentes sociais, pero advirte dun risco. «O INE dinos que a porcentaxe de traballadores con menores salarios é maior en Galicia que en España; se estas subidas non levan aparelladas medidas para aumentar a produtividade, perderemos competitividade», avisa.