A Xunta activa liñas de axuda aos autónomos por un importe de 24,5 millóns

d. s. SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

O Goberno galego estima que estas medidas beneficiarán a uns 7.000 autónomos, así como a 545 empresas.

17 ene 2020 . Actualizado ás 07:45 h.

O Goberno galego deulle onte luz verde a un paquete de axudas dirixido aos traballadores autónomos por un importante global de 24,5 millóns de euros, que se porá en marcha nas próximas semanas. Trátase de medidas de apoio encamiñadas a facilitar o emprendimiento, a conciliación laboral e familiar ou a consolidación da actividade iniciada polas persoas que traballan por conta propia. A Xunta estima que estas medidas beneficiarán a uns 7.000 autónomos, así como a 545 empresas.

Entre as novas liñas de apoio destaca a creación do chamado bono de Nova Oportunidade, dotado cun millón de euros, concibido para que os autónomos que fracasaron cunha actividade dispoñan doutra axuda para emprender un negocio diferente. Ou o bono Renova, que conta con outro millón de euros dirixido a facilitar a substitución xeracional a cargo de unha determinada actividade, con axudas que irán dos 5.000 aos 29.000 euros.

A convocatoria para a que se reservan máis recursos é a destinada a impulsar o emprego por conta propia ou a consolidación dos postos existentes. Son 13,6 millóns de euros os que se destinará a este fin, para chegar a 4.000 autónomos e 125 empresas.

O inicio de novas actividades será sufragado con incentivos de 2.000 euros, que chegarán aos 4.000 no caso de persoas de menos de 30 anos, en risco de exclusión ou parados de longa duración.

Contratación indefinida

Esta convocatoria inclúe tamén axudas para que os autónomos poidan contratar traballadores de xeito indefinido. Para o primeiro empregado, a subvención vai dos 4.000 aos 6.500 euros. No caso dos segundos ou terceiros empregados, o incentivo irá dos 6.500 aos 9.000 euros. A maiores créase un bono de formación, dotado con 4.000 euros por persoa contratada.

As axudas directas a quen se dan de alta como autónomos e as que reciben quen contraten a outras persoas incrementaranse nun 25 % cando se trate de mulleres, de emigrantes retornados, de maiores de 45 anos ou de persoas que teñan fixada a súa residencia nun municipio rural.