Álvarez (UGT): «Que me explique un listillo con gran soldo como vivir con 900 euros»

La Voz REDACCIÓN - LA VOZ

ECONOMÍA

CHEMA MOYA

O sindicalista defende que a subida do salario mínimo favoreceu o consumo, o crecemento e o emprego

17 ene 2020 . Actualizado ás 09:04 h.

Ao secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, acabóuselle onte a paciencia. A gota que a colmou debeu de ser o informe publicado a véspera por BBVA Research, o servizo de estudos da entidade financeira, que culpou á subida do salario mínimo de ter impedido a creación de 45.000 empregos en España o ano pasado.

Preguntado onte respecto diso, o líder sindical cargou contra eses estudos «de analistas de parte» que ameazan co apocalipse cando se toca á alza, con máis alegría da habitual, o SMI. «Que me explique a min algún listillo destes con grandes soldos como se pode vivir con 900 euros ao mes», dixo en referencia aos economistas da entidade.

E é que, defende o responsable de UGT, a subida favoreceu o consumo, o crecemento e, en consecuencia, o emprego. «Talvez se baixamos o SMI a 100 euros ao mes poida haber máis contratación, pero imos ser serios».

Por iso, Álvarez avanzou tamén que non vai aceptar un incremento puramente cosmético do salario mínimo este ano, senón que presionará para que este se sitúe na contorna dos mil euros mensuais. Non transixirá, di, con que se aprace o groso da subida a 1.250 euros (a contía que segundo el responde ao 60 % do salario medio ao que se comprometeron a chegar o PSOE e Unidas Podemos), ao final da lexislatura.