Pemes e empresas galegas poderán optar a 16,1 millóns en axudas para implantar sistemas de eficiencia enerxética

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

ECONOMÍA

Fábrica de Alcoa en San Cibrao, que se beneficiará de estos incentivos compensatorios
Fábrica de Alcoa en San Cibrao, que se beneficiará destes incentivos compensatorios XAIME RAMALLAL

O prazo de solicitudes ábrese o 12 de setembro e os fondos repartiranse por orde de chegada

21 ago 2019 . Actualizado ás 14:47 h.

O director xeral de Enerxía, Anxo Bernardo Tahoces, acaba de presentar un programa de axudas para que tanto as pequenas e medianas empresas como as grandes industrias poidan implantar sistemas de eficiencia enerxética durante os próximos meses. Trátase dunha convocatoria na que se repartirán 16,1 millóns financiados polo Fondo Nacional de Eficiencia Energetica e o Feder, cuxo prazo de solicitudes arrinca o 12 de setembro e finaliza o 31 de decembro do 2020. Non se trata dunha convocatoria competitiva, polo que as subvencións se concederán por orde de presentación.

Trátase de axudas tanto para a mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industriais como para implantar sistemas de eficiencia enerxética. A axuda poderá chegar ao 30 % do investimento, cun máximo dun millón de euros por proxecto e cinco por empresa. En solicitudes que impliquen un elevado nivel de aforro enerxético poderán acadarse os dous millóns. Desde a concesión das mesmas, as empresas teñen 24 meses para desenvolver o proxecto.

Este programa ten un obxectivo claro, o aforro enerxético e económico e a redución de emisións. En concreto, apuntou Tahoces, prevese unha redución de case 25.000 toneladas de emisións de CO2, ou o que é o mesmo, a acción que desenvolven 1,25 millóns de árbores. A convocatoria tamén suporá a creación de 517 postos de traballo directos e outros 362 indirectos. 

Desde o 2013 a Consellería de Eonomía destinou case 30 millóns de euros a 1.182 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial, agrícola e de servizos.