Chega a Galicia Too good to go. Que é?

Sofía Vázquez
Sofía Vázquez SOFIA.VAZQUEZ\LAVOZ.ES

ECONOMÍA

Maria Pedreda

Crónica económica

14 abr 2019 . Actualizado ás 11:53 h.

Too good to go naceu en Dinamarca como unha start-up e hoxe é unha empresa multinacional que se enmarca dentro dun movemento mundial que combate o desperdicio de alimentos, na que están Zéro Gachis -nado en Francia para pór en contacto a supermercados e usuarios-, Optimiam -tamén francesa-, NoFoodWasted (Holanda), FoodCloud (Reino Unido), NiLasMigas (España). Too good to go comezará esta semana a operar en Galicia -concretamente na Coruña-, onde chega despois de desembarcar nas grandes cidades españolas -fai sete meses- e nalgunhas das máis emblemáticas doutros nove países europeos.

A través dunha aplicación no teléfono móbil, os usuarios poden adquirir un pack sorpresa que crearán cada día cos alimentos que non conseguiron vender os comercios adheridos á aplicación. Os clientes non saberán con exactitude que comida comprarán ata chegar ao propio establecemento. «En moitos casos, como pode ocorrer en tendas de comida preparada, restaurantes de sushi, etcétera, o restaurante ou a tenda pode ofrecer, in situ, a opción que o cliente elixa alí mesmo», explican desde a compaña. 

A través da app, os usuarios pagarán por cada paquete sorpresa entre dúas e cinco euros e o pedido recollerano no propio local. Restaurantes, pastelerías, froiterías, pastelerías, supermercados... poderán, pola súa banda, reducir con esta modalidade de venda o exceso de comida que teñan cada día, e evitar tirala todo ao lixo. Too good to go levará un euro por cada pack que se venda.

A idea desta aplicación xurdiu en Dinamarca no 2016 cando, durante un buffet libre, os seus fundadores -seis amigos expatriados- foron testemuñas de como se tiraba toda a comida non consumida ao final da cea. Eran alimentos que estaban en perfectas condicións. Foi entón cando o grupo de emprendedores decidiu que había que facer algo para cambiar esa situación e creou a plataforma móbil que hoxe conta con máis de 9 millóns de usuarios, máis de 18.000 establecementos asociados e xa permitiu salvar -xerga da empresa- máis de 12 millóns de packs de comida. Entre os socios da compaña en Europa figuran Costa Cofee, Novotel, Accor Hotels, Spar, Carrefour, Eleven e Sushi Shop.

«O desperdicio de alimentos é xa a terceira fonte xeradora de CO2. O noso obxectivo é conseguir que a comida producida sexa igual á consumida, minimizando o impacto ambiental. Salvar unha soa barra de pan equivale a aforrar o CO2 que emite un coche tras percorrer un quilómetro», asegura Oriol Reull, responsable da empresa en España.

A compaña, que evita dar os datos económicos do grupo e a descrición da participación no capital dos distintos socios, ten como primeira executiva a Mette Lykke, unha emprendedora danesa de 37 anos, casada e con dúas fillas. Desenvolveu o seu labor como consultora en Europa, no 2006 foise a Estados Unidos a traballar para McKinsey e volveu a Europa só un ano máis tarde. Entón montou Endomondo, unha app de fitness e running que no 2015 adquiriu o xigante Under Armou por 85 millóns de dólares. Mette Lykke seguiu traballando para o comprador ata que decidiu facer o primeiro investimento en Too good to go como business angel (madriña investidora). De acordo cos datos manexados pola empresa, cada ano, un terzo de todos os alimentos producidos no mundo desperdíciase. Só en España tíranse 7,7 millóns de toneladas de comida ao lixo. Se o desperdicio de alimento global total fose un país, converteríase no terceiro estado emisor de CO2 do planeta, só por detrás dos Estados Unidos e China .