Aliseda aproveita o tirón da Semana Santa para vender pisos na Mariña

G. Lemos REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

BENITO ORDOÑEZ

A inmobiliaria do Santander organizará visitas ás súas promocións nos festivos

09 abr 2019 . Actualizado ás 21:28 h.

O reclamo da Semana Santa en Viveiro, declarada de interese turístico internacional, non só serve para atraer miles de visitantes cada ano á comarca, coa consecuente inxección económica na hostalería e o comercio local. Tamén pode axudar a vender pisos. Polo menos así o entenden en Aliseda , a inmobiliaria propiedade do Banco Santander (que posúe o 49 % do capital) e do fondo de investimento Blackstone (51 %), que organizou unha ruta comercial pola Mariña para que os interesados poidan coñecer as 13 promocións de vivenda nova que ten á venda na zona, en localidades como Cervo, Foz ou Ribadeo.

Non é a primeira vez que a compaña recorre a unha campaña promocional deste tipo, que xa probou na costa alacantina o pasado decembro, coincidindo co Nadal.

As visitas comezarán esta fin de semana, en Foz (sábado) e en Cervo (domingo), en horario de 10 a 19 horas. Xa na semana seguinte, a caravana pasará o luns por Burela, volverá o martes a Foz, o mércores estará en Ribadeo (onde volverá o domingo) e Xoves e Venres Santo recalará en Viveiro, coincidindo cos días de maior afluencia á localidade.

A oferta inmobiliaria céntrase en vivenda residencial, e os prezos parten dos 31.500 euros, en promocións como a Urbanización Palmeiro de Xove. Pero ademais de pisos a estrear, Aliseda ten tamén en carteira na zona outros de segunda man, así como locais e oficinas para quen estea interesado en montar un negocio, explican desde a compaña.

Case 470 vivendas en Galicia

A iniciativa na Mariña enmárcase dentro dunha promoción xeral que a inmobiliaria anunciou onte para comercializar 1.200 vivendas orientadas a investidores que queiran adquirir unha segunda residencia, en destinos de praia, montaña ou ligados ao golf. Entre os activos, repartidos entre 27 provincias, hai 468 en Galicia, detallaron en Aliseda.

Deles, 189 localízanse na provincia da Coruña, 153 na de Lugo (fundamentalmente na Mariña), 122 en Pontevedra e só 4 en Ourense.