O «Financial Times» fíxase nunhas galletas galegas

Sara Cabrero
Sara Cabrero REDACCIÓN / LA VOZ

A GALICIA ECONÓMICA

Unha pequena empresa lucense cóase no ránking das firmas europeas que máis rápido crecen

15 feb 2019 . Actualizado ás 18:50 h.

Son pequenos, traballan no rural galego e o seu produto non ten nada que ver coa tecnoloxía punta. Tampouco ten nada que envexarlle. Porque a empresa lucense Daveiga -e as súas galletas Mariñeiras- bátense o cobre coas compañas máis innovadoras de toda Europa na lista que elabora cada ano o Financial Times, un ránking que recolle as firmas radicadas no Vello Continente que experimentaron un crecemento máis rápido (neste caso entre o 2014 e o 2017). E faino desde un posto nada desdeñable, no ecuador deste peculiar índice, no lugar 503.

Os responsables deste selo galego non deixan de asombrarse pola fazaña. «É sorprendente que a nosa compañía, que traballa nun sector que non destaca precisamente por ser exponencial, que ademais traballa dende o rural galego e que fai un produto tan artesanal se cite en listas coma esta. Somos conscientes de que o mérito é importante», asegura Xosé Lois Llamazares, coordinador de Daveiga.

Os seus Mariñeiras, un tentempié que eles mesmos describen como «unha forma diferente de presentar o pan de toda a vida, cun formato seco e de larga duración», non pairan de crecer. Detrás destas galletas atópase unha adaptación moderna do «pan ou biscoito de barco», unha solución antiga dos mariñeiros para conservar o pan en longas travesías oceánicas. E parece que na actualidade, a idea tamén gusta.

No 2013, uns anos despois de iniciar o seu camiño, na súa planta traballaban unha ducia de persoas. Agora, as máis de 20.000 bolsas que saen a diario polas súas portas para venderse nos supermercados de Galicia -e de parte de Portugal- obrigáronlles a aumentar persoal. Máis de 60 empregados afánanse cada día na súa fábrica para responder á crecente demanda de galletas.

A fórmula secreta da súa idea de ouro xurdiu en Buenos Aires, nunha viaxe que realizaron os fundadores de Daveiga . Alí, un irmán seu comercializaba un produto parecido ás Mariñeiras. E tiña o seu tirón. Non o dubidaron. Volvéronse cunha idea que maduraron durante uns meses antes de lanzarse á piscina. No 2006, cando estrearon as súas galletas, en España apenas existían produtos parecidos, pero non lles custou moito conquistar aos padais máis exquisitos: «Aínda que foi un inicio duro e tivemos que picar moita pedra, si que constatamos que nos resultaba sinxelo entrar nas cadeas de supermercados precisamente por ser un produto innovador», asegura Llamazares, que achega cifras que o constatan: «Incluso agora, en Galicia temos un crecemento constante por amais do 20 %». Axúdalles, e moito, a súa peculiar canle de promoción: o boca a boca. «A mellor publicidade que temos agora mesmo son os nosos propios consumidores. Eles son os que están facendo que as Mariñeiras se expandan. e a realidade e que non tódalas empresas poden presumir de iso».